O programa Único levará a banda larga a 40.289 fogares e empresas de Pontevedra

xoves, 26 de xaneiro do 2023 S. P.

O programa de banda larga do Goberno (Plan Único) para levar Internet ultrarrápida ás zonas que non contan con este servizo (poñendo o foco no rural e nas zonas brancas), vai dotar de Rede de alta capacidade a 40.289 fogares e empresas da provincia de Pontevedra. Asi o corroboran este mércores 25 de xaneiro a secretaria de Estado de Telecomunicacións, María González Veracruz, e o delegado do goberno en Galicia, José Miñones, durante unha xuntanza, na sede da Deputación de Pontevedra, coa presidenta provincial, Carmela Silva, e con case medio cento de alcaldes e outros responsábeis municipais.
Na xuntanza González e Miñones presentáronlles os plans do Goberno para a extensión de fibra óptica no territorio. No encontro, ao que tamén asistiu a subdelegada en Pontevedra, Maica Larriba, deuse a coñecer o impacto dos investimentos en dixitalización que está a executar o Goberno a través do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, nestes concellos.
Esta acción, como dixemos, forma parte do Programa Único-Banda Larga, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno e permitirá que nas dúas primeiras convocatorias (2021 e 2022) se conecten a internet de alta velocidade 40.289 fogares e empresas da provincia cun investimento global de 16.166.245 euros dos que o Goberno aporta 11.116.777.
No conxunto de Galicia, entre as dúas convocatorias xa resoltas, o programa está a levar a conexión a Internet de alta velocidade a 226.725 fogares e empresas cun investimento global de 107.136.930 euros, dos que o Goberno aporta 71.262.165 euros.
Único-Banda Larga diríxese a dotar dunha taxa de cobertura de moi altas capacidades ao 100% da poboación española en 2025. Unha vez se executen os proxectos beneficiarios xa postos en marcha, a taxa de cobertura alcanzará o 95%.
Ata o momento lanzáronse dúas convocatorias deste programa (en 2021 e 2022). A de 2021 foi adxudicada integramente a Telefónica en Galicia. A de 2022, ás empresas Vento Rede (para a provincia da Coruña), Adamo Telecom (para a provincia de Lugo) e Avatel Telecom (para as provincias de Ourense e Pontevedra).
Miñones e González salientaron que “dende 2018 o Goberno mobilizou máis de 1.500 millóns de euros de investimento público-privado para levar conexións de banda larga ultra rápida a máis de catro millóns de fogares e empresas”.
No caso de Galicia os fogares e empresas beneficiados atópanse en ‘zonas brancas’, aquelas que non dispoñen de cobertura de redes de velocidade de polo menos 30 Mbps, nin plans para a súa dotación nos próximos tres anos.
“A conectividade é un elemento básico para garantir a supervivencia dos pequenos concellos; é unha arma contra o despoboamento”, sinalaron, salientando que “o Goberno de Pedro Sánchez están dando o paso para garantir o 100% de cobertura de acceso a Internet de alta velocidade en todo o territorio galego, favorecendo a conectividade a máis de 300 Mbps naquelas zonas que hoxe non dispoñen deste tipo de cobertura, esencial no mundo actual”.

PUBLICIDADE