O programa 21 días co galego e + mergullou a dez centros educativos no uso presencial e dixital da lingua
venres, 21 de febreiro do 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o secretario xeral de Lingua clausuraron este 21 de febreiro a nova edición do programa autonómico de inmersión lingüística 21 días do galego e +, coincidindo coa celebración do Día da Lingua Materna, no Colexio do Carballal en Marín, participante nesta edición. O conselleiro salientou a relevancia de “impulsar unha maior presenza do galego nas propostas de lecer para a rapazada para incrementar o seu uso e prestixio” e cualificou de imprescindíbel “fortalecer o seu uso nos espazos presenciais e dixitais de socialización”.
Lembrou que esta iniciativa foi posta en macha o pasado 31 de xaneiro e que nesta edición desenvolveu durante tres semanas consecutivas obradoiros de regueifas, contacontos e actuacións musicais na nosa lingua nunha decena de centros de Educación Infantil e Primeira das catro provincias, contando coa implicación de preto de 4.000 persoas entre alumnado, profesorado e persoal administrativo e servizos.
López Campos agradeceu a implicación e o traballo do profesorado a prol do galego e considerou que esta entrega se reflicte tamén, tanto nas cualificacións académicas, “en equilibrio coas de Lingua Castelá”, como no feito de que “se está a demostrar que están garantidas as plenas competencias no seu uso”.
En concreto e baixo o lema Medrando en galego, o alumnado dos colexios que tomaron parte nesta sétima edición intensificaron a súa expresión en galego durante estes 21 días cun obradoiro de regueifa impartido por Lupe Blanco, un contacontos a cargo de Celso Sanmartín e o espectáculo musical A voar de César Freirías Prado e a Cé Orquestra Pantasma.
O desenvolvemento de todas estas propostas quedarán nas redes sociais do programa e no seu blog 21diascogalegoemais.gal, o soporte central da iniciativa, onde se foron mostrando as creacións. Ademais, durante as tres fins de semana de duración do programa publicouse contido lúdico para que as familias continuasen o labor iniciado nos centros.
21 días co galego e + mantivo a colaboración co programa Galicia por diante, da Radio Galega, onde tivo unha sección diaria de luns a xoves, e co programa Dígocho eu!, da CRTVG, que celebrou encontros co alumnado dos 10 centros educativos. O alfinete de ouro da edición porao de novo o III Encontro 21 días co galego e +, que reunirá o vindeiro 25 de febreiro o alumnado e profesorado de todos os centros participantes no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela para compartir as súas experiencias nunha sesión lúdica.
Neste curso, o programa desenvolveuse nos colexios Francisco Vales Villamarín (Betanzos), Emilio González López (Cambre) e o La Grande Obra de Atocha (A Coruña), na provincia da Coruña; no Albeiros e no Illa Verde en Lugo; no Julio Gurriarán (O Barco de Valdeorras) e o Manuel Respino (A Rúa), na provincia de Ourense, e no centro do Carballal (Marín), de Sequelo (Marín) e no Manuel Cordo Boullosa (Ponte Caldelas), da provincia de Pontevedra.
Esta iniciativa de dinamización lingüística naceu para estimular o uso do galego no alumnado e perfeccionalo dentro e fóra das aulas. Ten a súa orixe nunha experiencia que se puxo en marcha desde 2013 no Instituto da Pobra do Caramiñal, da man da profesora Pilar Ponte, e que mesmo chegou a recibir en 2015 un premio de innovación en dinamización lingüística, en 2016 un recoñecemento da Real Academia Galega e no 2019 o Premio da Cultura Galega na categoría de Lingua. Desde o ano 2019 foi asumido pola secretaría xeral da Lingua e a el adhírense os centros educativos de xeito voluntario.