O programa Adapta Local impulsa a dixitalización do comercio de Carballiño

venres, 18 de outubro do 2024 S. P.

O Carballiño acolleu este 17 de outubro unha actividade formativa abeirada ao programa Adapta Local, un proxecto piloto que busca adaptar o comercio de proximidade aos cambios de hábitos dos consumidores apostando pola dixitalización e que está promovido pola Xunta e pola asociación de autónomos APE Galicia.
Na cita participou o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, quen salientou a importancia deste tipo de accións para impulsar a competitividade do tecido comercial, incentivando o consumo nos negocios locais de Galicia e aproveitando o abano de oportunidades que achegan as novas tecnoloxías.
Ademais, lembrou que este é tamén o obxectivo do Plan estratéxico de comercio que se está a elaborar actualmente da man de todos os axentes implicados, co fin de telo listo no primeiro trimestre de 2025, e que contemplará unha batería de medidas “para fortalecer o sector, impulsar os mercados e prazas de abastos, contribuír á consolidación dos centros comerciais abertos ou seguir reforzando o tecido artesán”.
Formación presencial e telemática
Combinando a formación presencial e a telemática, o programa de Adapta Local pon o foco nas iniciativas innovadoras que potencien a comercialización do produto galego de forma sustentábel e competitiva. Entre os contidos que se abordan están os relacionados coa transformación dixital, como a venda online e a xestión das redes sociais. Tamén cuestións que teñen que ver coa atención ao cliente, as tendencias de comercio, as finanzas e xestión de inventarios, a economía circular e o compromiso social. Ademais, tamén contempla asesoramento e seguimento individualizados e personalizados.
Este proxecto piloto, que se está a desenvolver en oito comarcas galegas, xa pasou por Chantada, O Barco de Valdeorras, Viveiro, Verín, Sarria, Ferrol e Tui.