O programa Aquí faltan páxinas achegou un novo podcast centrado en Ernestina Otero

venres, 11 de agosto do 2023 S. P.

A deputada provincial Isabel Couselo participou este xoves 10 de agosto no faladoiro celebrado na Alameda Castelao de Redondela e centrado na figura da mestra Ernestina Otero ao abeiro do programa de podcasts sobre mulleres destacadas impulsado pola Deputación de Pontevedra, Aquí faltan páxinas. A charla estivo presentada por Marián Fernández, de O Cable Inglés, firma coa que a institución provincial desenvolve este programa dedicado a recuperar a historia de mulleres galegas pioneiras nos seus ámbitos, e foi impartida por Manuel Puga Pereira, autor dunha biografía sobre Otero e cunha dilatada traxectoria no mundo farmacéutico e da cultura, e pola xornalista Montse Fajardo.
Na súa intervención, Couselo subliñou a figura de Ernestina Otero, que “traballou apaixonadamente para renovar e mellorar a calidade do ensino e para estendelo a unha maior porcentaxe de poboación, especialmente entre as mulleres”. A deputada, ademais, lembrou o compromiso do novo goberno da entidade provincial para seguir dando pasos a prol da Igualdade.
A historia da mestra está xa dispoñíbel no podcast de Aquí faltan páxinas (nas principais plataformas de streaming e no sitio web da institución provincial) e nun roteiro virtual que inclúe os lugares da provincia claves na biografía da protagonista. Entre eles, a primeira Escola Normal de Pontevedra (hoxe un dos edificios do Museo de Pontevedra) onde cursou os estudos de mestra elemental, ou a nova Escola Normal (actual Edificio Administrativo da Deputación), na que ensinou Pedagoxía, da que foi directora e onde coincidiu con Castelao.
O proxecto Aquí faltan páxinas inclúe unha antoloxía de 12 podcasts, un por mes, para pór en valor os logros de 12 grandes mulleres relacionadas coa provincia: María Soliña, Elisa Patiño, Olimpia Valencia, Maruja Mallo, Concepción Arenal, Antonina Sanjurjo, María Vinyals, Ernestina Otero, Ángeles Alvariño, Isabel Barreto, Carolina Otero e Sofía Novoa.