O programa Argos da USC premia un asistente de rehabilitación de linguaxe controlado por IA
luns, 4 de marzo do 2024
O proxecto REDILE da USC, baseado nun asistente de rehabilitación da linguaxe teledirixida controlado por Intelixencia Artificial para a cativada, obtivo este venres 1 de marzo o premio Argos Enxeño co que se distinguen plans xurdidos de ideas de negocio agromadas no programa Argos da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da Universidade de Santiago.
Amais, outorgouse o galardón Argos Spin (que premia plans de empresa desenvolvidos a partir dalgún dos resultados de investigación xerados na USC) a VitfeeD, tecnoloxía innovadora para sintetizar análogos da vitamina D con silicio que, ademais dos beneficios xa coñecidos desta vitamina, potencian a densidade ósea.
O equipo de REDILE está integrado por Frank Alberto Betances Reinoso, Nuria Richer Gusano e Belén Noya Conde, mentres que VitfeeD é froito do traballo desenvolvido por Alicia García Delgado e Lorena Valverde Fraga.
Ademais, na categoría Spin, resultou finalista a iniciativa AEGIS, a aplicación dunha ferramenta de detección precoz de adiccións sen substancia (Internet, videoxogos e apostas) en centros educativos. O equipo de AEGIS está integrado por Álvaro Fernández Theotonio e Christian Salazar Coba. Na modalidade Enxeño, quedou como finalista Hidrosíntese, un sistema de acuaponía integrado con un sistema de xestión de residuos procedentes de excedentes alimentarios para a explotación económica do cultivo de vexetais e peixes de consumo humano. Marcos Fernández Piñeiro e Jacobo Álvarez Torres foron os promotores da iniciativa.
A entrega dos premios Argos 2023 desenvolveuse este venres 1 no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. No acto participaron o delegado do reitor para a Transferencia do Coñecemento, Luis Alberto Otero González; o director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC, José Luis Villaverde Acuña; a directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego da Xunta de Galicia, Margarita Ardao Rodríguez; a directora xeral de Unirisco Galicia, María Inmaculada Rodríguez Cuervo; a directora da Área de Servizos da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, Patricia Fernández Liz; e Norberto Penedo Rey, director da Área de Competitividade do Instituto Galego de Promoción Económica.
O director da AVTE presentou o Programa ARGOS e os proxectos participantes, tras o cal se entregaron os diplomas que acreditan a participación dos integrantes dos distintos equipos. O evento finalizou cunha sesión de networking logo de que representantes de cada grupo presentasen as liñas mestras das súas respectivas iniciativas.