O programa Autónomos Dixitais ofrecerá formación online e gratuíta en ecommerce a 1.200 persoas

luns, 10 de maio do 2021 S. P.

Este 10 de maio presentouse unha ambiciosa iniciativa transformadora para formar en novas tecnoloxías a 1.200 persoas autónomas de Galicia, concretamente no ámbito do comercio electrónico. Estamos a falar do programa Autónomos Dixitais, que foi dado a coñecer nos seus detalles pola conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana. Segundo fixo saber, a iniciativa “busca mellorar o grao de dixitalización dos traballadores por conta propia e brindarlles unha oportunidade para emprender ou reemprender o seu negocio”.
Impartiranse dous tipos de cursos, un básico e outro de especialización, dirixidos a catro perfís: menores de 30 anos, mulleres, persoas entre 31 e 44 anos e autónomos que tiveron que pechar a súa actividade pola pandemia e maiores de 45
Trátase dunha iniciativa que se enmarca nas medidas específicas que está a adoptar a Xunta de Galicia para facer fronte á COVID-19, tendo en conta que o comercio electrónico “adquiriu gran importancia ao longo da pandemia, nacendo novos hábitos na compra de produtos”.
As persoas interesadas poden solicitar a súa praza a través da web www.autonomosdixitais.com ou da conta de correo info@autonomosdixitais.com.
Segundo fixo saber a conselleira, a iniciativa non só está dirixida aos autónomos dados de alta, senón tamén a aqueles que tiveron que pechar os seus negocios como consecuencia da pandemia co obxectivo de que teñan acceso a unha segunda oportunidade a través da dixitalización. “A formación, ademais de gratuíta, é flexíbel e pódese adaptar aos horarios de preferencia, impartíndose a través dunha aula dixital e conta con titorización persoal”, sinalou.

PUBLICIDADE