O programa EMEGA achega 1,7 millóns para impulsar o emprendemento innovador feminino

venres, 2 de agosto do 2019 Redacción

A Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta ten aberto até este 5 de agosto o prazo para solicitar axudas do programa EMEGA para o fomento do emprendemento feminino. O dato foi achegado hoxe pola secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, durante unha charla informativa sobre o programa que tivo lugar en Vigo, na sede da Federación de Asociacións Veciñais de Vigo Eduardo Chao. Alí lembrou que a convocatoria deste ano dispón dun orzamento de 1,7 millóns de euros, unha cifra que duplica á do ano pasado. Tamén recordou que fomentar o emprendemento innovador e de base tecnolóxica están entre os principais obxectivos da iniciativa.
O programa EMEGA abrangue un conxunto de axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a reactivación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres, xunto con medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial co “obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos empresariais promovidos por mulleres”.
A iniciativa comprende catro liñas básicas: Emprende, para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e crear emprego feminino estábel por conta propia ou allea; Innova, para promover a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade de empresas constituídas por mulleres; Activa, para favorecer a reactivación e consolidación de empresas a través de medidas de renovación, ampliación ou cambio de localización; e ITEF, para incentivar iniciativas empresariais con contido científico ou alicerce tecnolóxico promovidas por mulleres.
A maiores, establece unha liña de axudas complementarias, a Concilia, para promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.
A contía das axudas dependerá da liña solicitada e do número de postos de traballo xerados para mulleres, tanto por conta propia como por conta allea. Así na Emprende irán de 8.000 a 20.000 euros; na Innova, de 12.000 a 20.000; na Activa, de 6.000 a 15.000; e na ITEF, de 16.000 a 40.000. No caso das axudas complementarias á conciliación, os incentivos irán dos 3.000 euros para as promotoras que teñan fillos/as menores de tres anos; ata os 5.000 euros, cando as actividades de conciliación estean dirixidas ás traballadoras por conta allea.

PUBLICIDADE