O programa IGNICIA facilitará o salto ao mercado dos resultados da investigación galega
venres, 19 de febreiro do 2016
Esta
mañá presentouse na Coruña o programa IGNICIA, un fondo de proba de concepto
baseado no éxito da metodoloxía creada e desenvolta pola Fundación Barrié, que
permitirá impulsar a posta no mercado do coñecemento xerado polos
investigadores galegos. No acto participou o conselleiro de Economía, Emprego e
Industria, Francisco Conde, acompañado polo presidente da Fundación, José María
Arias; ante investigadores e representantes de centros de investigación de toda
a nosa comunidade autónoma Conde avanzou que até
2020 a Xunta de Galicia achegará un total de 7 millóns de euros, dos que
1,65 millóns corresponderán a este mesmo ano. Esta contía inicial permitirá
apoiar a entre seis e dez proxectos, abríndolles “unha verdadeira autopista ao
mercado” con apostas que oscilarán entre os 120.000 e os 200.000 euros.
O conselleiro defendeu que a Xunta contribúe por partida dobre ao incremento da
competitividade e do crecemento económico de Galicia: por unha banda,
dinamizando a posta en valor dos resultados de investigación xerados en
Galicia, e, por outra, obtendo retornos económicos que serán reinvestidos en servizos
públicos, salientado que “esta iniciativa reforzará as nosas prioridades
básicas: emprego, emprego de calidade e sostible”.
Esta ferramenta permitirá verificar se unha idea ten opcións reais de ser
implementada a nivel industrial para xerar rendibilidade no mercado,
aproveitando todo o potencial do coñecemento xerado nas tres universidades, no
sistema de saúde a través das fundacións hospitalarias, nos centros do CSIC, no
Instituto Español de Oceanografía en Galicia, e nos centros tecnolóxicos
galegos.
O IGNICIA recolle a exitosa experiencia levada a cabo durante os cinco últimos
anos pola Fundación Barrié a través do seu Fondo de Ciencia, do que teñen
nacido iniciativas de éxito como Scape, Quorum Quenching, Torusware, e a
biotecnolóxica Nasasbiotech. A partires deste ano, a Xunta asume a xestión
desta iniciativa, e a Barrié continuará achegando o seu coñecemento e a
experiencia adquirida ata o de agora.
Os proxectos serán seleccionados con base en rigorosos criterios baseados,
entre outros factores no grao de innovación da solución proposta, no potencial
para xerar retornos económicos, e no compromiso do grupo de investigación coa
comercialización dos seus resultados. A partir de aquí, a Xunta apoiará os
promotores na posta en marcha dunha nova empresa en forma de spin-off, ou na cesión do dereito de explotación
da patente por parte doutra empresa.