O programa Scratch Day do CPETIG e AMTEGA incorpora o uso da IA
xoves, 25 de setembro do 2025
O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia organizan un ano máis o Programa Scratch Day que este ano acada a súa X edición. A iniciativa, que cumpre una década contribuíndo a derrubar mitos sobre a programación informática, busca “espertar e fomentar vocacións no ámbito STEAM dende idades temperás”.
O programa, dirixido a rapazada de entre 7 e 15, desenvolverase entre os meses de setembro e outubro, con xornadas formativas en aulas CeMIT de 4 concellos galegos: Tui, Guitiriz, A Coruña e Cuntis
A xornada final do programa será o 18 de outubro na Sala Einsenman da Cidade da Cultura, durante a cal tamén se levará a cabo, en paralelo, unha actividade formativa específica para profesorado e formadores de centros de ensinanza. O obxectivo desta formación é mostrarlles aos profesionais do ensino as vantaxes de traballar e ensinar a través deste tipo de tecnoloxía, coa que se incentivan a creatividade, o emprendemento e a capacidade de resolución de problemas, entre outros valores.
Asemade, o CPETIG informou do remate en Guitiriz dos obradoiros Girl STEAM que durante os meses de verán e esta primeira semana de setembro desenvolvéronse en 14 concellos de Galicia e nos que participaron preto de 300 rapaces e rapazas de entre 8 e 15 anos.
Novidade: uso da IA con Scratch
A xeito de novidade, este ano vaise incorporar nos obradoiros o uso da Intelixencia Artificial con Scratch. Os rapaces e rapazas que participen no programa desenvolverán a súa actividade en dúas fases, na primeira, introduciranse nos videoxogos coa dita ferramenta de programación, aprendendo a mover, lanzar e interacionar con obxectos e crearán un videoxogo básico. A continuación, realizarase unha introdución ao uso de MicroBit con Scratch e levarase a cabo a montaxe dun semáforo e un alumeado automatizado e adestrarase un modelo propio de aprendizaxe-máquina empregando Scratch para coñecer as orixes da IA que se empregan na actualidade.
O prazo de inscrición está aberto e pode realizarse a través de portal da rede CeMIT. Os rapaces e rapazas que queiran participar deben ir acompañados ás xornadas dun adulto. As datas e aulas das xornadas son as seguintes:
Aula CeMIT de Tui 20/09/2025
Aula CeMIT de Guitiriz 27/09/2025
Aula CeMIT de A Coruña – Centro Cívico de Eirís 04/10/2025
Aula CeMIT de Cuntis 04/10/2025
Sala Eisenman – Cidade da Cultura 18/10/2025
