O programa SmartPEME achega tres novos cursos TIC

luns, 23 de outubro do 2023 S. P.

A Deputación de Pontevedra, a través do programa SmartPEME de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas, oferta esta semana que vai do 23 ao 27 de outubro tres novas accións formativas enmarcadas na súa carteira de obradoiros que se desenvolverán de xeito telemático e presencial. As actividades centraranse na ciberseguridade, nos motores de reserva para empresas turísticas e na Intelixencia Artificial.
A primeira das xornadas desenvolveuse este luns 23, de 10:30 a 11:30 horas, co obradoiro telemático Ciberseguridade, Como Facer un Contrasinal Seguro, que afondou na importancia de ter un contrasinal adecuado para protexer a información. Manuel Freire, experto universitario en robótica, programación e impresión 3D, dirixe este curso.
O mércores 25 dará comezo, ás 10:30 horas, o obradoiro en liña Motores de Reservas para Empresas Turísticas. No marco desta acción formativa ensinarase a instalar un sistema de reservas para que as e os clientes poidan consultar a dispoñibilidade da oferta existente e os establecementos poidan aumentar a súa visibilidade. Sonia Torres, técnica de empresas e actividades turísticas, encargarase de impartir este obradoiro.
Finalmente, o xoves 26, a partir das 12:00 horas, celebrarase a acción formativa ChatGPT e Stable Diffusion, Aprende o seu Funcionamento V, que impartirá Manuel Freire.

PUBLICIDADE