O programa SmartPEME avanza en axilidade e comunicación coa súa nova app

venres, 4 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

A Deputación de Pontevedra presentaba onte nova aplicación dentro do programa SmartPEME para a adaptación ás necesidades e cambios de consumo das persoas usuarias da rede de espazos de formación para empresas e profesionais. Eran a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o deputado provincial, Carlos López Font, os encargados de amosar as vantaxes desta app, coa que se pretende dar un novo pulo en canto a difusión do programa SmartPEME na provincia, e achegar as novas tecnoloxías á pequena e mediana empresa, facendo máis sinxela a interacción entre os usuarios. Segundo a Deputación, púxose o foco en achegar un recurso “áxil, útil, intuitivo e informativo”.
Asemade, quérese dar a coñecer o programa a máis xente, premiar ás persoas que xa reciben asesoramento e mellorar a atención relacionada coas peticións e suxestións. Outra novidade é a opción de conectarse con SmartPEME dende calquera lugar.
Segundo palabras de Carmela Silva: “a creación desta aplicación móbil é moi necesaria xa que as apps teñen unha gran presenza e cada día terán máis, converténdose nun instrumento moi relevante tanto na acción económica como na social, así como na creación de novos produtos”.
Engadir que a dita aplicación estará dispoñíbel a partir do 8 de outubro.
Máis datos sobre o Proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e Barro, abrangue as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.


PUBLICIDADE