O programa autonómico de robótica educativa incorpora 25 novos centros

venres, 15 de novembro do 2019 Redacción

Un total de 178 centros de ensino públicos de toda Galicia desenvolverán este curso o programa de innovación educativa Introdución á robótica educativa en primaria, que busca esperar nos máis cativos o interese polas novas tecnoloxías dende o punto de vista máis construtivo e participativo posíbel, iniciándoos nas experiencias da programación e a robótica. Dos 178 centros que forman parte da iniciativa, 25 adheríronse este ano académico.
O programa Introdución á robótica educativa en primaria enmárcase na estratexia Edudixital 2020 e vai dirixido ao alumnado dos cursos 4º, 5º ou 6º de educación primaria. Segundo informa a Consellería de Educación, impulsora do programa, cada centro educativo pode integrar a dita materia tecnolóxica de diversas maneiras: mediante unha materia de libre configuración de centro no marco da normativa vixente, dentro das materias de forma transversal, a través de programas de innovación educativa desta consellería ou obradoiros que se desenvolvan fóra do horario lectivo.
Os centros acabados de incorporar recibirán un equipamento de material vencellado á robótica educativa para poder levar a cabo o proxecto, que estará formado por 6 robots de uso educativo, axeitados ás idades do alumnado, 6 kits de construción que permitan a realización dun mínimo de 5 proxectos diferentes, un manual de uso e unha guía didáctica.

PUBLICIDADE