O programa de envellecemento activo da Laracha pon o foco na alfabetización dixital

martes, 16 de setembro do 2025 S. P.

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e a concelleira de Servizos Sociais, Rocío López, presentaron o novo programa municipal Saudables centrado no envellecemento activo e na prevención da soidade non desexada.
A iniciativa desenvolverase desde o mes de outubro e ata xuño cos obxectivos de mellorar a saúde física e mental das persoas participantes a través de actividades de carácter preventivo relacionadas co deporte, o emprego das TIC e a promoción da convivencia social.
O programa inclúe cinco propostas diferentes e complementarias entre si:
-Alfabetización e memoria, para exercitar a mente e manter capacidades cognitivas activas.
-Alfabetización dixital, orientada a aprender a usar o teléfono móbil e aproveitar as súas utilidades na vida diaria.
-Obradoiro de intelixencia emocional.
-Marcha nórdica.
-Baile en liña, unha forma divertida de facer exercicio e compartir tempo en grupo.
Haberá actividades nas trece parroquias do municipio para favorecer que todas as persoas poidan participar nas sesións programadas, con independencia de se residen en zonas urbanas ou rurais. No caso das actividades tecnolóxicas, moi centradas nas utilidades e vantaxes dos dispositivos móbiles, levaranse a cabo en horario de mañá (de 10.00 a 11.30 horas) en A Laracha, Paiosaco, Erboedo, Coiro, Montemaior, Lendo, Soandres, Golmar, Caión, Lemaio e Vilaño.
A inscrición é gratuíta, abrirase o mércores (17 de setembro) e deberá formalizarse no Edificio Administrativo da Laracha. As prazas son limitadas e asignaranse por orde de inscrición.
O programa vén da man do Concello e conta para o seu co-financiamento coa colaboración da Deputación da Coruña a través do Plan Único Concellos. Esta iniciativa compleméntase coas actividades culturais e deportivas que tamén ofrece o Concello durante o inverno.