O programa de podcast Aquí faltan páxinas enxalza a figura de María Araújo
venres, 13 de decembro do 2024
O Auditorio de Vilagarcía de Arousa acolleu este xoves 12 de decembro o último faladoiro da segunda edición do programa Aquí faltan páxinas, impulsado pola Deputación de Pontevedra para rescatar as historias de mulleres que non adoitan ser contadas. A sesión puxo o foco na activista María Araújo, coñecida como María a Guerrilleira, e correu a cargo de Pilar Cagiao Vila, profesora titular de Historia de América e coordinadora do grupo de investigación HistAmérica na USC.
A deputada de Igualdade, Sandra Bastos, que foi a encargada de abrir o acto, lembrou que Araújo “loitou contra as ditaduras de Franco e a de Batista, en Cuba, e como todas as mulleres protagonistas deste ciclo ben merece ocupar páxinas nos libros de historia”.
Araújo naceu no Carril en 1904 e emigrou con só dous anos a Cuba. Ao regresar a Galicia participou na resistencia antifranquista e foi encarcerada. Tras a súa liberación, continuou loitando contra réximes desde Cuba, a onde regresou desde España tras saír do cárcere.
Coa súa inclusión no proxecto Aquí faltan páxinas, lembrou Sandra Bastos, “completamos as páxinas que lles faltan aos libros coas traxectorias de grandes mulleres, e coa vista posta nas nosas nenas e mozas, porque precisamos construír referentes” para que os nenos e nenas “medren sabendo que houbo moitas mulleres, no pasado remoto, próximo e tamén no presente, que brillaron e brillan en diferentes ámbitos da sociedade”.
A traxectoria de María Araújo, así como a das outras mulleres que forman parte da segunda colección do programa Aquí faltan páxinas, pode consultarse nun poodcast do que se poderá desfrutar tanto na web institucional como en Ivoox e Spotify e que incluirá algúns dos testemuños recollidos no faladoiro deste 12 de decembro. Nestas mesmas plataformas poden consultarse todos os episodios anteriores tanto da primeira como da segunda edición do programa.