O programa estatal A Administración Preto de Ti fai unha parada en Sarria
xoves, 5 de febreiro do 2026
A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, participou nunha sesión formativa do programa estatal A Administración Preto de Ti, celebrada na Biblioteca Pública Municipal Camilo Gonsar, no concello de Sarria. Esta iniciativa do Ministerio de Política Territorial, en colaboración coa FEMP, retomouse en todo o territorio nacional co obxectivo de seguir achegando a Administración á cidadanía, especialmente nos municipios rurais.
A subdelegada subliñou que esta iniciativa reflicte “o compromiso do Goberno por abrir a Administración á cidadanía e garantir que todas as persoas, vivan onde vivan, teñan acceso aos mesmos recursos e servizos públicos”. Amais, fixo fincapé na relevancia de impulsar a capacitación dixital para que ninguén quede atrás nun contexto no que cada vez máis procedementos se realizan de forma telemática.
López tamén puxo o acento na necesidade de reforzar a presenza do Estado no territorio e atender as particularidades dunha provincia como Lugo, caracterizada pola súa dispersión xeográfica e o avellentamento da poboación.
“Achegar estes servizos ao rural é fundamental para fortalecer a cohesión territorial, reducir a fenda dixital e facilitar o día a día da veciñanza”, sinalou.
Durante a xornada, persoal da Administración desprazouse ata a localidade para informar e formar á veciñanza sobre o uso dos servizos públicos dixitais, resolver dúbidas e facilitar a realización de trámites administrativos esenciais.
Entre eles, destacan a obtención do certificado dixital ou o acceso ao sistema Cl@ve, ferramentas imprescindibles para relacionarse electronicamente coa Administración.
A Administración Preto de Ti enmárcase nas políticas do Goberno orientadas a dar resposta aos desafíos demográficos e a avanzar cara a unha relación máis directa, sinxela e moderna coa cidadanía, ofrecendo información, formación e acompañamento no acceso aos servizos públicos.
