O programa estatal INECO-RuralTIC leva a alfabetización dixital aos concellos de menos de 10.000 habitantes

martes, 23 de setembro do 2025 S. P.

Actividade de RuralTIC en Ares

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, animou aos concellos galegos de menos de 10.000 habitantes a inscribirse no programa de alfabetización dixital INECO-RuralTIC, que impulsa por cuarto ano consecutivo a enxeñería e consultora pública INECO. Este programa, sinalou o delegado, “representa unha oportunidade para avanzar no coñecemento dixital da cidadanía e empresas emprazadas nestes territorios, pois permite que persoal do INECO contribúa coa súa experiencia en tarefas de formación e de asesoramento en materia tecnolóxica”.
En Galicia son máis de 20 os concellos de menos de 10.000 habitantes que se beneficiaron deste programa nas tres convocatorias anteriores, entre os que están Trabada, A Pobra de Trives, Maceda, Manzaneda, A Pontenova, Cerdido, Silleda, Carnota, Guitiriz ou Porto do Son.
Todos eles acolleron durante un espazo de tempo determinado a traballadores do INECO que, como nómades dixitais, combinan o teletraballo coa acción divulgadora e formativa (o Concello asume o custe de estadía do traballador ou traballadora e proporciona o espazo para desenvolver as actividades).
As inscricións xa están abertas a través da web de INECO RuralTIC, onde tamén é posible coñecer as experiencias de edicións anteriores. O prazo para formular a solicitude remata o vindeiro luns, 29 de setembro.
Como dixemos, o obxectivo deste programa é “contribuír á dixitalización social e económica da sociedade que vive en contornas rurais, rompendo así as posibles barreiras que afastan estes núcleos das novas tecnoloxías”. Desta maneira, búscase “garantir que a poboación poida manter a comunicación con familiares en zonas illadas ou realizar xestións administrativas a través dun dispositivo móbil”.
Esta iniciativa baséase en dous eixes fundamentais, por unha banda a dixitalización social e por outra a dixitalización económica.

Sesión formativa no Pindo en Carnota

No que respecta á dixitalización social, os e as axentes imparten formación e apoio no uso das novas tecnoloxías aos veciños e veciñas, con especial atención á poboación maior. O persoal do INECO desenvolve diferentes obradoiros presenciais, como é o manexo do servizo online para a realización de trámites administrativos: xestións de citas médicas ou banca electrónica.
Ademais tamén imparten formación para coñecer aspectos sobre a seguridade en Internet ou a pegada dixital e ofrecen atención personalizada en función das necesidades específicas dos participantes.
O segundo eixo, a dixitalización económica, fornece de apoio e asesoramento ao tecido empresarial rural, ao través do posicionamento dixital, con apoio á creación de servizos online que poden mellorar a actividade das pemes, como pode ser a apertura dunha páxina web ou o uso de perfís en redes sociais para o posicionamento no mundo dixital.