O programa estatal de transformación da Administración recala en Santa Comba
luns, 29 de setembro do 2025
O subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, visitou este luns 29 de setembro o concello de Santa Comba, onde salientou as facilidades que ofrece o Goberno para achegar a Administración a todos os concellos da provincia. Fíxoo na presentación do programa A Administración Preto de Ti na Casa de Cultura de Santa Comba, nunha sesión informativa impartida por persoal da Subdelegación do Goberno, previamente formado.
Abalde estivo acompañado polas concelleiras Estefanía Calvelo e Noelia Baleato, e a secretaria xeral da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais, FADEMUR, Rosa Arcos.
O subdelegado informou de que a Administración Xeral do Estado ofrece a posibilidade de realizar de forma dixital máis do 90% das xestións e das comunicacións cos seus departamentos, desde trámites básicos como as prestacións, o pagamento de impostos, permisos de condución, aboamento de taxas públicas, solicitudes de axudas ao estudo ou certificados de vida laboral, ata a solicitude de subvencións, que en moitos dos casos só se pode xestionar de xeito telemático.
“O obxectivo é que calquera persoa, desde o móbil ou o ordenador, poida acceder de maneira sinxela a todos os servizos que ofrece a Administración sen ter que desprazarse aos grandes núcleos de poboación”, explicou Abalde, quen apuntou que nas visitas, ademais de facilitar a expedición do certificado dixital, que serve de chave ás plataformas dixitais da Administración, o persoal informa dos procesos aos que esta dá acceso e presta asistencia técnica aos asistentes para realizar nas propias sesións os trámites que precisen.
O subdelegado animou aos concellos da provincia de menos de 8.000 habitantes a que “non deixen pasar esta oportunidade para mellorar a atención aos seus veciños e veciñas” e se adhiran ao protocolo asinado entre a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e o Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática que posibilita o desenvolvemento deste programa.
Segunda edición
Julio Abalde lembrou que, na súa primeira edición, A Administración Preto de Ti percorreu 8.728 quilómetros e chegou a 63 dos 67 concellos con menos de 8.000 habitantes da provincia, nos que se expediron 981 certificados dixitais.
Nesta segunda fase, o programa xa chegou a localidades como Miño, Vilarmaior, Carnota, Vimianzo ou Muros. Ademais, dixo, “está previsto estendelo a outros colectivos e avanzar así no achegamento da Administración a entidades como comerciantes, autónomos, estudantes, persoas en risco de exclusión social, sindicatos, centros xerontolóxicos ou colectivos agrarios, entre outros”.
O subdelegado na Coruña lembrou que A Administración Preto de Ti é “un dos numerosos servizos do Goberno para achegar a Administración á cidadanía”, entre os que tamén citou as unidades móbiles para a expedición do DNI ou os Puntos de Actualización de Documentación da Policía; o asesoramento para a campaña da Renda nos concellos, ou a maleta viaxeira contra a violencia de xénero, “todos eles pensados para mellorar a vida dos habitantes da nosa provincia”, concluíu.
Previamente á xornada, Abalde, realizou unha visita institucional ao Consistorio de Santa Comba, onde mantivo unha primeira xuntanza protocolaria co seu alcalde, Alberto Romar, e asinou no Libro de Honra do Concello. O encontro serviu para establecer liñas de cooperación institucional e tratar cuestións de interese para o municipio, reforzando así a colaboración entre a Administración do Estado e o Goberno local.
