O programa para a xeración Z galega, A Previa, acadou as 200 mil reproducións nas contas da CRTVG

xoves, 7 de marzo do 2024 S. P.

A Previa, o primeiro programa dixital para a xeración Z da nosa terra, xa ten cinco episodios dispoñíbeis na plataforma AGalega. En A Previa, as creadoras audiovisuais Belén Puime (A Coruña, 1998) e Uxía Vázquez (Coristanco, 1996) conversan sobre unha temática de interese para o público novo cun convidado ou convidada especial en cada programa.
Cun discurso que cualifican de “lixeiro e cheo de comedia”, e que lembra ás previas universitarias antes de ir de festa (de aí o título do programa), buscan pór no foco as realidades dos millennials e zentennials galegos.
Este formato estreouse falando sobre a estética xunto a Cés, modelo e DJ, como primeiro convidado. Para o segundo episodio contan Paula Jorge, con quen abordan a maquillaxe desde varias perspectivas, “tanto máis creativa como a mais tóxica”.
No seguinte, Belén e Uxía convidan a Naira de Hexageradas, creadora de contido, para falar sobre literatura adolescente.
O cuarto episodio ten como protagonista a Rodri Míguez para falar sobre música e festivais e finalmente a actriz Ana Oca participou para conversar sobre a representación feminina no audiovisual.
Segundo recordan Belén e Uxía, A Previa sería “a primeira aposta por un programa feito por e para a xeración Z e a mocidade que lanza a CRTVG a na súa nova OTT AGalega”.
Con esta primeira tempada en poucas semanas superou as 200 mil reproducións en redes dos seus vídeos nas contas da CTRVG e o programa (@pringadas.vibes) e xerando ademais unha notábel interacción co público, “especialmente entre o máis novo e orfo de contido en galego do seu interese”, destacan.
Á espera de confirmar unha segunda tempada, a súa produtora, Brava (@brava.gal), xa está a traballar en tres novos formatos para a mesma plataforma con creadores galegos como Lucía Estévez, Miguel Canalejo, Cristela Torres ou Álvaro González tamén cunha linguaxe contemporánea e vocación de chegar ao público novo, repetindo o éxito de A Previa, producidos por Cristela Torres e Bea Villar.