O protagonista de ¡Rompe Ralph! competirá en Sonic & All-Star Racing Transformed

luns, 16 de xullo do 2012 Marcus Fernández

JPEG - 86.3 KB
Ralph participará no novo xogo de carreiras de Sonic

No mes de novembro poderemos ver nos cines a película de Disney ¡Rompe Ralph!, que está protagonizada por un personaxe dun videoxogo ficticio e que está repleta de referencias a videoxogos reais, como unha impresionante homenaxe a un elemento fundamental da cultura popular das 3 últimas décadas, pero esta relación do personaxe ficticio cos videoxogos reais quere levarse máis aló, e dende SEGA anuncian que o protagonista da película vai facer acto de presenza en Sonic & All-Star Racing Transformed, secuela do anterior xogo de carreiras de Sonic e os seus amigos, no que Ralph contará con vehículos transformables e movementos propios desta franquía de SEGA.
Temos así que a aventura de Ralph a través de distintos videoxogos non se limitará á grande pantalla, senón que terá certa tradución no mundo real, contribuíndo á experiencia de ¡Rompe Ralph! á vez que enriquece o xogo de SEGA no que Sonic bota carreiras con moitos outros personaxes coñecidos.
Sonic & All-Stars Racing Transformed estará dispoñible tamén no mes de novembro para Xbox 360, PlayStation 3, PS Vita, Nintendo 3DS, Wii U e PC.
Para reforzar a imaxe de Ralph como personaxe de videoxogos, dende a páxina web oficial da película tamén podemos botar unha partida a Fix-It Felix Jr., xogo que simula ser un título de 1982 do que tamén é posible gozar en iPhone, iPod Touch e iPad dende a App Store norteamericana.

JPEG - 89.5 KB
O xogo orixinal de Ralph, Fix-It Felix Jr. pode xogarse en iOS

PUBLICIDADE