O proxecto Airis céntrase na dixitalización do mantemento das vías de ferrocarril de alta velocidade
mércores, 11 de xuño do 2025
Este martes 10 de xuño o campus de Vigo acollía a celebración dunha mesa redonda sobre o presente e o futuro da dixitalización no mantemento ferroviario. Neste senso, o grupo de Sistemas Aeroespaciais e de Transporte (Aerolab) da Universidade de Vigo e a empresa Copasa están a levar a cabo o proxecto estatal Airis. Nel traballan no desenvolvemento de sistemas para a dixitalización da información do mantemento das vías de ferrocarril de alta velocidade. Trátase de, aplicando as últimas tecnoloxías, dixitalizar e automatizar a inspección destas vías e contribuír así a mellorar tanto a súa rendibilidade como a súa seguridade.
Indo á xornada de difusión do martes, dicir que foi presentada por Nieves Lorenzo (directora da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da UVigo) e moderada por Santiago García (xerente da Área Territorial Norte-Renfe). Contou coas intervencións de Héctor Arguelles, técnico de enxeñaría de produción de ancho métrico (base de mantemento O Berrón) de Renfe; Juan Manuel Silva, técnico de enxeñaría de produción de alta velocidade (base de mantemento de Redondela) de Renfe; Luís Manuel Díaz, responsable de maquinaria de mantemento ferroviario, de Copasa; e Eduardo Ríos, investigador do grupo Aerolab.
O proxecto AIRIS (Adaptative and Intelligent Railway Inspection System) está financiado cun total de 568.906,62 euros pola convocatoria de colaboración público-privada 2023 da Agencia Estatal de Investigación, do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, e fondos da Unión Europea NextGeneration. Nel participa por parte da Universidade de Vigo o citado grupo Aerolab, con sede na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense e pertencente ao Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais (IFCAE). Coordina a iniciativa por parte da UVigo o profesor e investigador Higinio González. O socio do proxecto, Copasa, Sociedad Anónima de Obras y Servicios, é unha empresa multinacional de construción de orixe ourensá que conta cunha dilatada traxectoria no desenvolvemento de infraestruturas de todo tipo.
Dende o proxecto subliñan que un dos desafíos cruciais do sector ferroviario é mellorar a rendibilidade dos ferrocarrís de alta velocidade, xa que as súas vías presentan maiores requisitos técnicos que as convencionais, o que incrementa os custos de construción, inspección e mantemento, sendo estes tres veces superiores aos da rede ferroviaria convencional. Este feito afecta ao custo para o usuario final e, polo tanto, á taxa de utilización. Neste contexto, Airis quere contribuír ao “necesario cambio no transporte ferroviario” mediante o desenvolvemento de novas solucións e métodos para reducir os custos das tarefas de inspección e mantemento mediante a aplicación de tecnoloxías como a Intelixencia Artificial, a dixitalización e as técnicas de mantemento preditivo.
Indo ao proxecto, este céntrase en desenvolver tanto sistemas de inspección de vías como algoritmos de procesamento de datos “sen precedentes no mercado” e que permitan realizar estas inspeccións de maneira automática, reducindo a dependencia do factor humano e aumentando a frecuencia de recolección de datos. Máis polo miúdo, o equipo de Airis busca desenvolver para o ano 2026 un sistema centralizado de inspección que reciba información, a través dunha rede inalámbrica 5G, de sistemas ópticos instalados en dresinas das vías férreas. “Esta ferramenta permitirá detectar diversas deficiencias de mantemento, como gretas en distintos tipos de travesas, ausencia de parafusos ou clips de fixación, cambios indesexados na xeometría do balastro ou a presenza de elementos como area en seccións de vía en placa”, afirman. O sistema de inspección será deseñado para instalarse nunha soa dresina pero podendo escalarse a un número maior, que traballarían de xeito sincronizado cun sistema de alarma central. Entre as características de Airis, comentan os seus responsables, están que ten en conta a variabilidade dos diferentes elementos da vía, o que posibilita un mantemento preditivo eficiente.
Para rematar, Higinio González sinala que cando falta un ano e medio para a finalización de Airis teñen xa desenvolvido un prototipo que no que resta de proxecto se someterá a un proceso de validación, primeiro en vías de ferrocarril de Galicia e logo na vía de A Meca-Medina de Arabia Saudí, onde Copasa é a empresa que leva a conservación desta infraestrutura.
