O proxecto BATEAS achega na Rede información de utilidade e en tempo real para o cultivo do mexillón

luns, 1 de setembro do 2025 S. P.

A Consellería do Mar compartiu este luns 1 de setembro información sobre a iniciativa tecnolóxica BATEAS, dirixida a mellorar a base de coñecemento sobre a evolución do cultivo de mexillón nas rías galegas. O proxecto ten como obxectivo principal “comprender mellor as condicións ambientais que inflúen na produtividade das bateas, achegando respostas aos desafíos detectados polo sector nos últimos anos; así como establecer unha canle de comunicación entre bateeiros e administración”.
Está liderado pola Consellería do Mar e co-financiado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca, e de Acuicultura (FEMPA). Compleméntase con outras iniciativas en marcha, como o proxecto APROMEX, liderado polo Centro de Investigacións Mariñas de Galicia (CIMA), centrado na avaliación da dispoñibilidade de mexilla, e Capacitamex, orientado á transferencia de coñecemento mediante obradoiros cos produtores, nos que tamén participa activamente o CETMAR.
Entre os logros alcanzados pola iniciativa BATEAS destaca a implantación dun sistema de recollida sistemática de información ambiental a través dunha batea na ría de Arousa equipada con sensores, que funciona como “batea sentinela”. O desenvolvemento tecnolóxico e técnico realízase desde o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR en colaboración cos propietarios da batea, que participan no deseño da solución. Nela instaláronse equipos de monitoraxe que permiten realizar un seguimento en tempo real de parámetros como a temperatura e a salinidade da auga a distintas profundidades, así como datos meteorolóxicos e a variación de peso das cordas de mexillón. Esta información compleméntase con outros datos que se recuperan periodicamente durante as visitas de mantemento, como datos de turbidez ou fluorescencia.
A monitoraxe continua desta infraestrutura permite realizar un seguimento detallado da evolución das condicións ambientais en paralelo ao crecemento do mexillón nas cordas. Estes datos poden consultarse de forma inmediata a través do portal web de recursos do proxecto APROMEX.
Outro dos piares do traballo é a creación dunha canle de comunicación bidireccional que facilite o intercambio de información entre o sector mexilloeiro e a administración. A través da rede de contactos xerada polos obradoiros Capacitamex, CETMAR mantén un diálogo constante co sector, recollendo información de primeira man sobre o estado dos cultivos e transmitindo á administración as necesidades e prioridades dos produtores. Deste xeito, a Consellería do Mar promove unha xestión máis áxil, eficiente e baseada en datos obxectivos, contribuíndo á sustentabilidade do sector mexilloeiro e á consolidación de Galicia como referente na produción de mexillón.