O proxecto CIBUS5G impulsa a dixitalización da industria alimentaria a través da IA
luns, 7 de abril do 2025
O Clúster Alimentario de Galicia (CLUSAGA) lidera CIBUS5G, un proxecto de investigación industrial que aposta polas mais avanzadas tecnoloxías de dixitalización para fortalecer a competitividade da industria alimentaria, especialmente das pemes.
O proxecto, que recibe financiamento da convocatoria 2024 de apoio a Agrupacións Empresariais Innovadoras (AEI) do Ministerio de Industria e Turismo (MINTUR), conta coas empresas Leche Celta e Rosales Avícola como early adopters, desenvolvendo novas ferramentas baseadas en visón Artificial, 5G, Edge Computing, Internet das Cousas (IoT) e analítica avanzada con Intelixencia Artificial.
A solución resultante de CIBUS5G integrará todas estas tecnoloxías nunha plataforma colaborativa flexíbel e con capacidade para adaptarse a diferentes casos de uso dentro do sector alimentario. O
consorcio do proxecto está formado por sete entidades: ademais das devanditas firmas alimentarias, participan as tecnolóxicas Optare Solutions, ASM Soft e Logicmelt Technologies, contando ademais coa colaboración de DIHGIGAL para potenciar a transferencia dos resultados de investigación cara outros sectores industriais de Galicia.
IA, IoT e 5G aplicadas as necesidades da industria alimentaria
CIBUS5G desenvolverá unha plataforma colaborativa baseada en novas capacidades tecnolóxicas que permitirán a automatización da monitoraxe e da toma de decisións en tempo real. A integración de 5G mellorará a velocidade de conexión e reducirá a latencia, facilitando o procesado de datos en liñas de alta cadencia, “un reto ata agora non resolto con tecnoloxías tradicionais”, explican dende CLUSAGA, engadindo que CIBUS5G enfócase en dous eixos principais. Por unha banda, desenvolveranse aplicacións de xestión tanto intraempresa como interempresa no ámbito da industria manufactureira, a través dunha nova plataforma colaborativa con IA. Esta ferramenta permitirá optimizar os procesos en tempo real, grazas á mellora das comunicacións e do tratamento de datos na cadea de valor, mediante a incorporación de solucións 5G e de sistemas avanzados de análise de procesos e control de calidade.
Por outra banda, implementaranse solucións ad-hoc de Visión Artificial con tecnoloxía de Edge Computing, orientadas a dous casos de uso específicos: o desenvolvemento dun sistema innovador de pesaxe de aves con Visión Artificial, que permita maximizar a produtividade nas explotacións e minimizar os erros de medida; e a posta en marcha dun sistema de control de calidade de procesos no sector lácteo.
Así, o proxecto CIBUS5G aposta por unha banda pola gandería de precisión, empregando tecnoloxías avanzadas para a monitoraxe en tempo real do benestar e da saúde animal e por outra banda, desenvolverá unha solución IoT que permitirá o seguimento en tempo real das conducións de leite na industria para a optimización dos procesos produtivos, a mellora do uso eficiente dos recursos e redución do impacto ambiental.
Tecnoloxías innovadoras para unha produción máis eficiente
O proxecto aposta pola aplicación da Intelixencia Artificial no control da produción (Manufacturing Intelligence), integrando datos de sensores, sistemas ciberfísicos e Visón Artificial para mellorar a monitoraxe dos procesos, detectar anomalías e prever problemas, contribuíndo á optimización da produción e a unha toma de decisións máis eficiente. Entre as tecnoloxías contempladas destacan:
-Internet das Cousas (IoT): captura e estandarización de datos para visualización, alarmas e toma de decisións automatizada.
-IA: emprego de tecnoloxías como Redes Neuronais Convolucionais para inspección de calidade, detección de fugas ou control de acceso.
-Tecnoloxía 5G: mellora da conectividade en contornas industriais con altos niveis de metal, como fábricas lácteas, e aplicacións en gandaría intensiva.
-Edge Computing: procesado intermedio da información que reduce a latencia e mellora a seguridade dos datos, facilitando a aplicación combinada con VA e o 5G.
A través desta iniciativa, CLUSAGA e os seus socios buscan transformar a industria alimentaria, apostando por solucións innovadoras baseadas nas mais avanzadas tecnoloxías baseadas en Industria 4.0 que permitan ás empresas mellorar as súas competitividade, sustentabilidade e eficiencia.