O proxecto Candela posibilita o alumeado conectado das cidades a través de IoT

venres, 15 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

A nosa terra quere ser un referente en iluminación smart: luz controlada a través dos obxectos conectados. Disto trata o proxecto Candela, impulsado polas empresas SETGA, ITELSIS, INTECO e INSITU, alianza á que se engade a Universidade de Vigo e máis o Centro Tecnolóxico Gradiant. A tecnoloxía resultante fai posíbel medir e actuar en tempo real sobre a iluminación pública urbana. Ademais, consegue optimizala e facer que sexa máis eficaz ao tempo que se reduce o consumo. Máis smart imposíbel.
As entidades responsábeis de Candela presentaron hoxe os resultados do proxecto, tras tres anos de traballo conxunto. Elixido para a convocatoria de 2015 de Conecta PEME (Axencia Galega de Innovación, GAIN), Candela arrancou en febreiro de 2016 como unha iniciativa innovadora para deseñar un sistema de xestión intelixente do alumeado público para os espazos urbanos. Tratábase de “avanzar no eido das Cidades Intelixentes creando un conxunto de solucións que permitisen medir, modelar, optimizar e actuar en tempo real sobre todo sistema lumínico público urbano”.
Co devandito obxectivo, as empresas desenvolveron un novo modelo de luminaria, xa que, segundo fixeron saber co arranque do proxecto, “cos sistemas actuais de luces convencionais non é posíbel a optimización das redes adaptándoas ás demandas e ao espazo urbano ao que se pretende dar servizo”. En definitiva, a tecnoloxía resultante fai real a conectividade participativa con toda a infraestrutura de alumeado a través dunha rede do IoT, Internet das Cousas (IoT) e para desenvolvela empregáronse tamén as últimas tecnoloxías dixitais como os sensores LiDAR (Light Detection and Ranging), a información a gran escala (Big Data) e as novas tecnoloxías de LED.
O proxecto contou co financiamento da Axencia Galega de Innovación, nun 50%, cun orzamento subvencionable de 863.442,78€.
Logros principais
Ao abeiro de Candela conseguíronse unha serie de fitos salientábeis. Por exemplo, unha redución no custo enerxético do alumeado público mediante a mellora do seu regulamento con controis en liña e automatizados. Amais, optimizouse o mantemento das instalacións a partir de detección temperá de incidencias (por exemplo, reducindo o tempo de operacións durante o ciclo integral de proxecto, diminuíndo o número de horas e meses empregados de 30 meses a un mes en infraestruturas medias de 30.000 puntos de luz).
Ao abeiro de Candela, a maiores, creáronse novas ferramentas e aplicacións para o coñecemento das condicións reais das instalacións de luminarias nas vilas e cidades a través da automatización do inventario e do proceso de auditoría continuada, optimizando tamén o gasto enerxético da infraestrutura mediante o uso de procesos de simulación.

PUBLICIDADE