O proxecto Change Makers forma online as eco-líderes galegas do futuro

xoves, 21 de maio do 2020 Sonia Pena

A entidade Fundación Equipo Humano está a impulsar na nosa terra o proxecto Change Makers, que, como o seu propio nome indica, propón novas formas de producir e crear dende a colaboración, o circular e o inclusivo (formas que collen aínda máis impulso e protagonismo trala crise sanitaria). En concreto, Change Makers é unha iniciativa de apoio ao emprego no ámbito medio ambiental e tecnolóxico dirixido a persoas desempregadas, poñendo o foco (especialmente) nas mulleres novas. Búscase, sinala a Fundación, formar “as eco-líderes do futuro”.
Comeza o 1 de xuño e realizarase integramente a través de Internet, combinando sesións en directo con actividades en grupo e outros contidos accesíbeis a través da plataforma de elearning de Change Makers.
O proxecto conta con co-financiamento do Fondo Social Europeo. Artellarase en oito edicións distribuídas entre Galicia e Asturias, co obxectivo de formar 82 changers, ou sexa, entre dez e doce participantes por edición. O programa conta cunha parte de formación de 60 horas que combina as metodoloxías Visual Thinking, Lean Startup e a aprendizaxe colaborativa por proxectos, todo “co obxecto de dotar aos participantes dun coñecemento avanzado sobre as oportunidades e a implantación da economía circular”.
Co obxectivo de adaptarse ás condicións actuais derivadas do COVID-19, o programa realizarase en liña, sendo Nicola Cerantola, e creador da ferramenta EcoCanvas, a peza central do equipo de profesionais e formadores do mesmo. Para participar neste programa, as persoas interesadas deben preinscribirse a través da web da iniciativa.

PUBLICIDADE