O proxecto E-Hydro permitirá empregar xemelgos dixitais na xestión avanzada da auga

martes, 10 de decembro do 2024 S. P.

A UVigo lidera un proxecto que tenta resolver algúns dos grandes desafíos hídricos do noso tempo, como por exemplo a presión crecente sobre a auga, a poboación en aumento ou o cambio climático. Trátase do proxecto E-Hydro, que propón o uso dun xemelgo dixital hidrolóxico, unha plataforma de modelado e virtualización de recursos hídricos, empregando tecnoloxías avanzadas para mellorar a xestión e conservación dos recursos.
A Universidade de Vigo lidera a agrupación de organismos públicos de investigación que forman parte deste proxecto, que botou a andar en xaneiro de 2024 e ten unha duración de catro ano, ata finais do 2027. O proxecto foi seleccionado no marco da convocatoria competitiva do programa de I+D en liñas estratéxicas no ámbito da iniciativa TransMisiones do ano 2023 e conta cun orzamento total da OPIs de 1.355.532, dos que a Axencia Española de Investigación financia 1.246.516.
Por parte da UVigo, participan no proxecto os grupos de investigación en Xeotecnoloxías Aplicadas (GeoTECH) e de Xeomodelización Hidroforestal (Hydro-Forest).
Joaquín Martínez Sánchez, profesor do Departamento de Enxeñaría dos recursos naturais e medio ambiente e investigador do CINTECX explica que o obxectivo do proxecto é “obter un xemelgo dixital hidrolóxico”. A partir dun proceso de dixitalización baseado en múltiples sensores, este xemelgo dixital permite, por unha banda, coñecer de forma actualizada a dispoñibilidade e calidade dos recursos e, por outra banda, facer simulacións e ter unha predición do seu comportamento futuro baseado en modelos preditivos. Así, os xestores poden probar diferentes escenarios e anticiparse á aparición dos problemas para tomar decisións. Os usuarios finais da plataforma serían tanto as Confederacións Hidrográficas como as autoridades e empresas que se dedican á xestión do control hidrolóxico.
O usuario poderá a través de E-Hydro realizar unha xestión analítica e preditiva dos recursos de conca tanto dende o punto de vista da dispoñibilidade de recurso hídrico como das augas subterráneas, a calidade de augas ou a virtualización inmersiva da rede fluvial asociada. “A ferramenta permitirá así consultar, simular e prever escenarios reais ou potenciais de cara a poder prestar unha asistencia precisa na toma de decisións para a mellor xestión do recurso auga”, informou Sánchez, engadindo que E-Hydro emprega tecnoloxías avanzadas como datos de fontes heteroxéneas que inclúen información multiespectral e a captura de detalles da contorna para obter representacións tridimensionais precisas mediante LiDAR aéreo e batimétrico do terreo, o desenvolvemento de ferramentas de Intelixencia Artificial para segmentar e clasificar estes datos e solucións de simulación e predición para optimizar a xestión de recursos hídricos e apoiar a toma de decisións informadas.