O proxecto Fálame de San Sadurniño, premiado pola Deputación de Ourense
xoves, 19 de abril do 2018
O
proxecto Fálame
de San Sadurniño, a iniciativa do concello coruñés para
dar voz e visibilidade á veciñanza pola vía das novas tecnoloxías
e os contidos audiovisuais, vén
de obter un importante recoñecemento por parte da Deputación de
Ourense. Estamos a falar do Premio Rodolfo Prada á xestión
cultural, cuxo xurado reuniuse onte no pazo provincial para examinar
as candidaturas presentadas e elixir os proxectos galardoados nas
tres modalidades do certame. Así, o premio para profesionais da
xestión cultural foi para o proxecto web de dinamización social e
tecnolóxica Fálame de San Sadurniño, presentado por Carmen
Suárez Nieto.
Pola
súa banda o recoñecemento a persoas voluntarias ou colectivos
afeccionados foi para o Festival Arteficial, presentado pola
Asociación Cultural Ecolóxico Educativa Arteficial. Por último, a
distinción a proxectos vinculados á Asociación Galega de
Profesionais da Xestión Cultural foi para a iniciativa Unitaria,
presentada pola Asociación Amigos, si, pero a vaquiña polo que
vale.
Os galardóns do certame Rodolfo Prada, instaurado
pola Deputación de Ourense para salientar e reivindicar a figura do
senlleiro ourensán que lle dá nome, impulsor do movemento
político-cultural máis importante da galeguidade en América, serán
entregados o sábado 5 de maio, no marco da celebración da feira da
creatividade e as novas tecnoloxías Ourense
ICC Week. O xurado estivo integrado polo vicepresidente da
Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, en calidade de
presidente; e como vogais, por parte da Asociación Galega de
Xestores Culturais: Alberto García Sánchez, Cristina Rodríguez
Labandeira e Carlos Lorenzo Pérez; por parte da Deputación de
Ourense: Luís González Tosar, Antonio Piñeiro, Juan Rivas e Manuel
Araujo; e por parte da Asociación Rodolfo Prada, Francisco González.
A Deputación de Ourense, a través deste galardón, que ten como
obxectivo distinguir a persoas, proxectos ou colectivos que “se
signifiquen pola xestión de iniciativas de carácter cultural con
referencia á cultura galega, destina un total de 6.000 euros en
premios”.