O proxecto Galdrón traballa no emprego de drons na gandaría extensiva galega
xoves, 23 de outubro do 2025
A Universidade de Vigo, a empresa Ganadería Autóctona SL e a Fundación Centro Tecnolóxico da Carne están a desenvolver o proxecto Galdrón, centrado no emprego de drons para aplicar un sistema de gandaría de precisión para vacúns e equinos criados en extensivo. O seu obxectivo é “contribuír a modernizar a gandaría galega mediante o uso de tecnoloxías avanzadas e incrementar a súa eficiencia e sustentabilidade”.
O proxecto, que arrancou en 2024 e rematará en 2026, conta co apoio da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación e da UE. Concretamente, ten un orzamento de 139.840 euros financiado polas axudas para a execución de proxectos innovadores dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación, estando cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e a Axencia Galega da Calidade Alimentaria no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027.
Por parte da Universidade de Vigo participa nesta iniciativa o grupo de investigación Aerospace and Transportation Systems Laboratory (Aerolab), pertencente ao Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais e con sede na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do Campus de Ourense. O obxectivo principal de Galdrón, liderado por Ganadería Autóctona, é “mellorar o manexo e seguimento dos sistemas produtivos de gando vacún e equino en explotacións extensivas galegas mediante o uso de drons e tecnoloxías avanzadas de seguimento e control”, segundo explicou o grupo da UVigo, engadindo que “búscase a mellora do control e monitoraxe do gando, a revisión de infraestruturas gandeiras, a xestión de pastos e a aplicación de cámaras térmicas”.
As súas liña de traballo son cinco. A primeira é a inspección das instalacións (bebedoiros, cercados, puntos de suplementación, zonas perigosas, etc.) mediante o uso de drons e a segunda a procura de animais en situación delicada, emprego de colares GPS e cámaras térmicas e a captura de imaxes e vídeos para análises do comportamento. O equipo de Galdrón tamén traballa no manexo de gando con UAV e adestramento dos animais ao son do dron e a súa bucina; e na monitoraxe de pastos e habilitación dun algoritmo para a supervisión aérea e terrestre, incluíndo a análise de solos e forraxes. Completa esta listaxe de tarefas a análise do comportamento animal con imaxes en tempo real e Intelixencia Artificial.
Durante o seu primeiro ano de execución, comprendido entre novembro de 2024 e outubro de 2025, “o consorcio consolidou as tarefas iniciadas na fase previa e logrou os primeiros resultados experimentais en campo”. Entre os avances máis destacados, sinala o equipo de Galdrón, “atópanse o desenvolvemento e validación do algoritmo de planificación de rutas de voo, a instalación de colares GPS no gando para mellorar a súa localización e as primeiras probas de manexo con drons equipados con bucinas, que demostraron unha resposta positiva de agrupamento sen causar estrés aos animais”.
Ademais, realizáronse voos multiespectrais para a monitoraxe do pasto e xeráronse os primeiros mapas NDVI, que permiten relacionar o vigor vexetativo coa calidade da forraxe analizada polo Centro Tecnolóxico da Carne. En paralelo, o equipo da Universidade de Vigo puxo en marcha os primeiros voos de calibración con cámaras térmicas, orientados a desenvolver un sistema de detección temperá de enfermidades.
