O proxecto HYBRIDS conclúe no CITIC a súa 4ª sesión conxunta, reforzando alianzas contra a desinformación
martes, 29 de abril do 2025
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña acolleu a semana pasada a cuarta reunión conxunta do proxecto europeo HYBRIDS (Fostering Hybrid Human-Artificial Intelligence), unha iniciativa financiada polo programa Horizonte 2020 da Comisión Europea, que promove un enfoque innovador e multidisciplinar no ámbito da Intelixencia Artificial híbrida.
Desde o luns 21, investigadores e investigadoras de distintas disciplinas e países reuníronse nas instalacións do CITIC para avanzar nos obxectivos científicos do proxecto, compartir resultados, fortalecer as sinerxías entre os grupos de traballo e continuar desenvolvendo competencias cruzadas entre as ciencias sociais e a enxeñería informática.
O evento, denominado Joint Research Session IV, formou parte do plan formativo e colaborativo do proxecto HYBRIDS, e combinou sesións científicas, dinámicas colaborativas e obradoiros orientados a enriquecer a interacción entre mozos investigadores e investigadoras predoutorais e expertos internacionais. Entre os temas abordados atópanse a transparencia algorítmica, a ética na IA, e o desenvolvemento de sistemas intelixentes que integren adecuadamente a dimensión humana.
Redes éticas
Nun contexto de crecente propagación de noticias falsas, desinformación e discursos de odio a través de redes sociais, HYBRIDS proponse avanzar cara a sistemas de intelixencia híbrida que integren o coñecemento estruturado das ciencias humanas con ferramentas de procesamento da linguaxe natural e algoritmos de aprendizaxe profunda (Deep Learning). Esta combinación busca superar as limitacións dos sistemas actuais de IA, “achegando maior capacidade de razoamento, comprensión e contexto cultural ao tratamento da linguaxe”, sinalou o CITIC, engadindo que a aposta por este enfoque híbrido “responde á urxencia de protexer as democracias modernas, que dependen do acceso libre a información verificada e fiábel”. Neste senso, HYBRIDS forma a investigadores con perfís multidisciplinares que poidan crear ferramentas éticas, efectivas e tecnicamente sólidas para detectar e contrarrestar a desinformación dixital, contribuíndo así á sustentabilidade de prácticas democráticas responsábeis en Europa.
Evento conxunto co proxecto AI-CODE
Como peche do encontro celebrado ao longo desta semana tivo lugar unha xornada conxunta entre HYBRIDS e o proxecto europeo AI-CODE, que se centrou nos desafíos que presentan as redes sociais de próxima xeración. AI-CODE explora como aproveitar as ferramentas de Intelixencia Artificial para axudar aos profesionais dos medios para combater a desinformación e mellorar a calidade do discurso público. Esta colaboración entre ambos os proxectos resalta a necesidade de enfoques colaborativos e interdisciplinares ante un dos maiores retos sociais do presente: a integridade da información na contorna dixital.
O proxecto
O proxecto HYBRIDS está financiado pola Unión Europea no marco das Accións Marie Skłodowska-Curie de Horizonte Europa (HEI MSCA) e co-financiado por UK Research and Innovation (UKRI) a través da garantía de financiamento de Horizonte Europa. HYBRIDS é unha rede de doutoramento Marie Skłodowska-Curie que reúne a investigadores noveis para desenvolver competencias avanzadas e interdisciplinares. Céntrase na integración da intelixencia humana e artificial para abordar retos como a desinformación e o discurso de odio, á vez que fomenta a colaboración entre o mundo académico e a industria.
Coordinado polo Centro de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela, nel participan universidades asociadas, centros de investigación líderes, organizacións sen fins de lucro e empresas de innovación de toda Europa: Université de Caen (Francia), Universidade da Coruña (España), Universidade de Évora (Portugal), Radboud Universiteit (Países Baixos), Queen Mary University of London (Reino Unido), Consello Superior de Investigacións Cientificas (España), Fondazione Bruno. Kessler (Italia), GESIS-Leibniz-Institut fur Sozialwissenschaften (Alemaña), Fondazione Openpolis ETS (Italia), Fundación Universidade Empresa Galega (España), Factoria de software e multimedia SL (IMAXIN, España), Industrieanlagen Betriebsgesellschaft MBH (IABG, Alemaña), Newtral (España) e Universita di Padova (Italia).