O proxecto Innovatrial dotará á sanidade galega dunha plataforma única de ensaios clínicos

martes, 23 de setembro do 2025 S. P.

Esta mañá o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, salientou a utilidade do proxecto Innovatrial para dotar a sanidade pública “dunha plataforma única de xestión dos ensaios clínicos que estará, ademais, ao servizo da mellor atención sanitaria”. No acto de cesión de prototipos innovadores para ensaios clínicos tamén participaron o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, e o xerente da Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), Antonio Fernández Campa.
A través deste proxecto, dous prototipos de plataformas desenvolvidos polas empresas participantes (NTT Data Spain e IQVIA Information) no marco dun modelo de compra pública innovadora foron cedidas polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades ao Servizo Galego de Saúde.
O obxectivo da Consellería de Sanidade é “crear unha ferramenta capaz de achegar valor aos investigadores, que simplifique e facilite procesos e que, ao mesmo tempo, repercuta directamente nunha investigación máis eficiente, cuxos resultados teñan efectos prácticos en beneficio da cidadanía”.
Gómez Caamaño subliñou entre as utilidades dos prototipos a posibilidade de optimizar o proceso de selección de pacientes para ensaios clínicos e tamén facilitar a xestión económica dos propios estudos.
Engadiu que a Xunta poderá desenvolver na práctica os prototipos grazas ao labor dos tres institutos públicos de investigación sanitaria. “O seu traballo será clave na fase de validación das solucións desenvolvidas, achegando a súa experiencia, o seu rigor científico e a súa capacidade de transferencia á práctica clínica”, sinalou.
Este proxecto está financiado pola Unión Europea, a través do Plan de recuperación, transformación e resiliencia e conta cun orzamento de 12 millóns de euros.