O proxecto QUORUM será un dos protagonistas da nova edición de O Encontro (A Toxa)

martes, 8 de xullo do 2025 S. P.

Esta semana (a partir do xoves 10 de xullo) a illa da Toxa (O Grove) vai dar acollida á nova edición (a quinta) do evento O Encontro, organizado por CESUGA coa intención de “crear un espazo de interacción entre o ecosistema empresarial e emprendedor galego, establecendo vínculos co ámbito académico e a Administración Pública”.
A través de mesas de debate con figuras destacadas e a presentación de proxectos de alto potencial o evento promove sinerxías que impulsen o desenvolvemento e a competitividade das empresas en Galicia.
Nesta quinta edición, o foco estará posto na temática Galicia: Economía Aberta, abordando en mesas e relatorios o impacto económico actual na comunidade. Trataranse cuestións clave sobre internacionalización, innovación, sustentabilidade e colaboración pública-privada, co obxectivo de identificar oportunidades que reforcen a posición de Galicia nunha contorna global en constante cambio.
No plano máis tecnolóxico, a partir das 12.30 horas do xoves 10 de xullo está programada a mesa Iniciativas tecnolóxicas que xeran valor e atraen talento a Galicia, na que participarán representantes de tres entidades clave do proxecto QUORUM: GAIN (Axencia Galega de Innovacioìn), Fujitsu e o centro tecnolóxico vigués Gradiant.
QUORUM é unha alianza pioneira que impulsa o desenvolvemento das tecnoloxías cuánticas co obxectivo de fortalecer o ecosistema de innovación europeo. Apoiado polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación (CDTI), a súa misión é liderar a transformación de sectores estratéxicos mediante solucións cuánticas disruptivas, fomentando a formación, a accesibilidade e o progreso científico. As entidades que forman parte de QUORUM son: Gradiant, CESGA, Fidesol, Fujitsu, GAIN, Itecam e Qcentroid.
Participarán na mesa Carmen Cotelo, directora de GAIN, Luis Pérez Freire, director Xeral de Gradiant, e Almudena Justo Martínez, directora de FSAS Technologies (Fujitsu).
Premio do CPEIG
Lembrar que o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) concedeu este ano o Premio Impulso Dixital de Galicia ao proxecto QUORUM. O galardón foi entregado no marco da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que se celebrou o pasado 27 de xuño no Hotel Puerta del Camino de Santiago.
Segundo salientou o CPEIG, o principal obxectivo do proxecto é “consolidar e ampliar a rede de ecosistemas de innovación cuántica en España, cunha base de colaboración público-privada”.
O proxecto actúa como catalizador nacional para que as tecnoloxías cuánticas avancen desde a investigación cara a industria, “cun impacto real no tecido produtivo, a formación e a soberanía tecnolóxica do país”, destaca o Colexio, explicando que se pretende “fomentar a cooperación tecnolóxica entre empresas e outros axentes, como universidades, centros tecnolóxicos e organismos públicos de investigación; impulsar a innovación territorialmente equilibrada, promovendo polos de innovación fóra dos grandes núcleos urbanos; aumentar a participación de empresas en actividades de I+D+i, especialmente en sectores estratéxicos para a economía española; reforzar capacidades científico-tecnolóxicas, incluíndo infraestruturas, talento e transferencia de coñecemento; e favorecer o escalado de startups tecnolóxicas e a atracción de investimento privado”.
Ademais, o proxecto contribuirá á consolidación do Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia, a iniciativa estratéxica da Xunta de Galicia para situar a comunidade autónoma como un referente internacional nestas tecnoloxías no horizonte do 2030.