O proxecto Quorum premia no CESGA aos mellores videoxogos do seu game jam cuántica
xoves, 26 de febreiro do 2026
O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) acolleu nas súas instalacións a gala de premios do seu game jam cuántica, a BrinQo Quantum Computing Game Jam. O evento, enmarcado no proxecto Quorum Spain, reuniu durante unha semana a máis de 70 participantes co obxectivo de desenvolver (de forma individual ou por equipos) un videoxogo relacionado coa computación cuántica.
A este encontro interuniversitario presentáronse un total de 20 proxectos, de entre os cales un xurado especializado encargouse de seleccionar aos tres mellores, que pasaron á fase final, atendendo a unha serie de criterios: a correcta posta en marcha de conceptos da cuántica ao videoxogo, a súa xogabilidade, orixinalidade, calidade e completitude.
Durante a entrega de premios, as tres propostas finalistas (Don’t Colapse, Farm Paradox e QuantuMus) presentaron os seus videoxogos ante o público e o xurado. Tras a avaliación final, o proposta Don’t Colapse resultou gañadora ao obter a máxima puntuación en todos os criterios establecidos nas bases.
A participación na BrinQo Quantum Computing Game Jam estivo maioritariamente representada por estudantes dos graos de Informática, Matemáticas e Física dos campus galegos. A diversidade na formación e procedencia dos concursantes permitiu “unha destacada transferencia de coñecementos, dunha forma lúdica e próxima”, informou o CESGA, que premiou aos finalistas mediante a entrega de dispositivos Quokka Quantum, un emulador cuántico portátil capaz de executar linguaxes de programación propios da computación cuántica. Este premio está financiado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), con fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR).
Gradiant, coordinador do proxecto Quorum, premiou ao equipo creador de QuantuMus, por ser a proposta que mellor implementou conceptos cuánticos no videoxogo, cun kit de óptica LED Tech Light Lab para cada integrante do equipo, que inclúe 3 lentes acrílicas e reixas de difracción, ademais dunha xornada de mentoring nos seus laboratorios.
O pasado 6 de febreiro, a xornada de apertura celebrouse de forma semipresencial e simultánea nos campus das tres universidades colaboradoras: Universidade de Santiago de Compostela (USC), Universidade da Coruña (UDC) e Universidade de Vigo (UVigo). Os asistentes puideron gozar de numerosos relatorios relacionados co desenvolvemento de videoxogos e coa computación cuántica da man de Lois Orosa (director científico do CESGA), Mariamo Mussa Juane (investigadora no CESGA), Evert van Nieuwenburg (creador do Quantum TiqTaqToe), Javier Mas (investigador e profesor do IGFAE e da USC, respectivamente), Raquel Alfonso (investigadora en Fsas Technologies – Fujitsu) e Luz Castro (profesora na UDC).
Quorum Spain é unha alianza pioneira apoiada polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación (CDTI), no marco dos convocatoria Ecosistemas de Innovación. O proxecto está formado por sete entidades que representan o conxunto do ecosistema de innovación en computación cuántica: Gradiant, GAIN, Fsas Technologies (Fujitsu), CESGA, FIDESOL, ITECAM e QCentroid; integrando centros tecnolóxicos, administración pública, gran empresa, pemes tecnolóxicas e supercomputación.
O obxectivo da alianza é impulsar e consolidar un ecosistema nacional de innovación en computación cuántica, orientado á xeración de coñecemento científico-tecnolóxico, a transferencia de tecnoloxía ao tecido empresarial, o desenvolvemento de talento especializado, a identificación de casos de uso reais e oportunidades de negocio e a creación e fortalecemento de empresas innovadoras.
O proxecto conta coa participación de 45 profesionais, dos cales 30 son perfís técnicos altamente cualificados, e dispón dun orzamento total de 1,31 millóns de euros para fitos de divulgación en 3 grandes liñas de actividade: análise e xeración de capacidades; comunicación, visibilidade e internacionalización; e impacto, sustentabilidade e continuidade.
