O proxecto Smart Government achega aos concellos as vantaxes da intelixencia artificial

xoves, 19 de xullo do 2018 Fernando Sarasketa

Un dos proxectos smart máis ambiciosos no que participaron as nosas empresas e entidades, Smart Government, vén de chegar ao seu remate. E fíxoo, en palabras dos impulsores, “con grandes resultados”. Para quen non o saiba, trátase dunha iniciativa de Investigación e Desenvolvemento (I+D) iniciada en 2015 co obxectivo de pór en xogo recursos para mellorar a eficiencia das cidades a través das novas ferramentas dixitais. Ou sexa, para convertelas en lugares mellores para vivir. O proxecto contou nas súas fileiras con empresas galegas como Imatia ou Queres Tecnoloxías, ademais de con Tecnocom. Tamén achegou a súa experiencia o CESGA, o Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia (CESGA), entre outras entidades.
En última instancia buscábase dar forma a unha tecnoloxía concreta que permitise, en si mesma, a resolución dos principais retos smart dos nosos Concellos. Os ingredientes foron a intelixencia artificial ao servizo da información a gran escala xerada polas Administracións locais a través de diversas canles, unha información coa que non se contaba até hai poucos anos pero que coa entrada en xogo das novas tecnoloxías entra a esgalla dende todo tipo de frontes, algunhas de natureza máis “clásica” outras radicalmente novas. Entre as primeiras (as frontes máis clásicas) están o padrón de habitantes, o catastro, os vehículos dos cidadáns (imposto de circulación), os centros educativos e sanitarios ou as comisarías de policía. Entre as segundas, as frontes innovadoras que son o miolo das Smart Cities, están os sistemas tecnolóxicos de captura que achegan datos en tempo real sobre tráfico, enerxía, auga, telecomunicacións ou medioambiente, entre outros asuntos.
A base de Smart Government foi, con todo, ir alén da recollida desta información: a súa misión consistiu en aplicar recursos de intelixencia artificial que interpretasen e relacionasen toda esa información para chegar a conclusións ás que non podería chegar unha persoa soa ou un equipo de goberno local. “Desta forma”, sinalan fontes de Imatia, “enriquécese a toma de decisións dos equipos de xestión, xerando avisos e activando protocolos de actuación”.
Ademais do desenvolvemento da complexa tecnoloxía que implica este proxecto, creáronse unha serie de exemplos que mostran as súas capacidades. Por exemplo mapas xeorreferenciados con diferentes capas sobrepostas, que permiten facer cousas como detectar falta de pagamentos nos impostos municipais sobre vivenda, optimizar a localización dos colexios, calcular taxas sobre parcelas en función das distintas ordenanzas, localizar vaos ilegais, etc.
Segundo engade Imatia, Smart Government salienta (amais de pola súa utilidade) pola súa facilidade de uso, xa que é un proxecto concibido “tanto para usuarios avanzados, como para aqueles que non teñen coñecementos de programación”. Así, calquera dos exemplos devanditos poden ser configurados por este último tipo de usuario, cunha mínima formación.
A iniciativa Smart Government, alén da súa vertente pública, atesoura importante potencial para ser extrapolada a outros ámbitos. Un deles é o de emerxencias marítimas, achegando información xeorreferenciada sobre embarcacións e sistemas de salvamento, ademais de información meteorolóxica. O sistema resultante ao abeiro do proxecto permite atender calquera emerxencia seleccionando entre diferentes opcións: drons con vídeo en directo, hidroavións, barcos autónomos, etc. “As vantaxes en canto á seguridade no mar son evidentes”, explica Imatia, que tamén salienta o feito de se eviten desprazamentos innecesarios por falsas alarmas.

PUBLICIDADE