O proxecto Stellae 5.0 busca aproximar o Camiño á sociedade a través da dixitalización

luns, 4 de decembro do 2023 S. P.

O Edificio Fontán da Cidade da Cultura de Galicia acolleu este venres 1 de decembro a presentación do programa Stellae 5.0, Patrimonio Cultural Dixital Vinculado ao Camiño de Santiago. Trátase dun proxecto de participación público-privada para a universalización do patrimonio cultural. Desenvolverase baixo o lema De moitos para todos.
Na presentación participaron representantes dos gobernos de Galicia, Asturias, Cantabria e Castela a León, da Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste Europeo (CRUSOE), do Clúster TIC de Galicia, do Clúster Audiovisual de Galicia e da firma tecnolóxica NTT Data. Tamén participou, pola Universidade de Santiago, a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso, en presentación do reitor da USC, Antonio López.
Segundo fixeron saber, o obxectivo principal de Stellae 5.0 é “impulsar a reactivación económica e a xeración de emprego aproveitando recursos do patrimonio cultural do sur de Europa e, en particular, os vinculados ao Camiño de Santiago”. Todo a partir do coñecemento universitario para poñer en valor o patrimonio cultural da macrorrexión e, a través da dixitalización, promover a súa universalización e favorecer a súa conservación.
No evento, os representantes das comunidades de Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León impulsaron un marco de colaboración para a consecución do financiamento necesario que lles achegue valor engadido ás políticas establecidas por cada unha das comunidades autónomas no ámbito da dixitalización do patrimonio cultural. Deste xeito, estableceuse explorar vías para a obtención de recursos a través do desenvolvemento de proxectos de cooperación baixo os programas e iniciativas existentes.
O primeiro obxectivo do programa é o desenvolvemento das accións pertinentes ante o Ministerio de Economía e a Secretaría de Estado responsábel da xestión dos fondos europeos Next Generation destinados á transición dixital da economía, para a captación de dezaseis millóns de euros cos que poder xerar os primeiros casos prácticos na dixitalización (xemelgos dixitais), a formación e o emprendemento, que complementen, amplíen e se coordinen coas políticas que desenvolven os catro gobernos autonómicos. Tamén terá como obxectivo incrementar a rede de entidades participantes no proxecto e establecer unha canle aberta de comunicación entre as entidades.


PUBLICIDADE