O proxecto Talentos Inclusivos do CITIC resulta premiado na sección conCiencia dos Premios IPfest

venres, 21 de novembro do 2025 S. P.

Onte tivo lugar no Auditorio Mar de Vigo a entrega de premios da cuarta edición dos Premios IPfest, Premios Nacionais á Transferencia de Coñecemento. O programa Talentos Inclusivos da Universidade da Coruña (UDC) recibiu o premio autonómico de Transferencia de Coñecemento IPfest na categoría conCiencia, que recoñece as iniciativas con maior impacto social en España.
Ao acto de entrega dos galardóns acudiron representantes do programa e da Oficina de Transferencia de Coñecemento da UDC.
A categoría conCiencia salienta proxectos que contribúen de maneira significativa ao progreso social a través da innovación, a divulgación e a transferencia de coñecemento. O premio recibido por Talentos Inclusivos subliña o seu compromiso coa inclusión, a creación de oportunidades e a xeración de impacto real na comunidade.
Na mesma cerimonia, a spin-off da UDC PhotoILike, startup especializada na análise do atractivo visual de imaxes inmobiliarias mediante Intelixencia Artificial (IA), recibiu o galardón ScaleUp de Transferencia, que recoñece a capacidade de escalabilidade e a innovación tecnolóxica con impacto económico.
Cómpre dicir que o IPfest celebrouse de maneira simultánea en 17 cidades españolas, todas conectadas entre si en liña e retransmitidas en web, móbil e televisión. Este enfoque coordinado reforza o carácter colaborativo do certame e a súa visión de compartir coñecemento en rede.
Indo aos premiados Talentos Inclusivos, trátase dun proxecto impulsado polo CITIC que se desenvolve ao longo do curso escolar e conta co apoio da FECYT (Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía). O seu obxectivo é espertar vocacións STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) entre a mocidade e dar a coñecer a realidade da discapacidade a través de equipos colaborativos de traballo que resolvan retos tecnolóxicos expostos por persoas con parálise cerebral. A través deste proxecto, alumnos e alumnas de secundaria e bacharelato de diversos institutos de Galicia deberán buscar solucións tecnolóxicas a retos propostos por usuarios das entidades ASPACE Coruña, Amencer-ASPACE, APAMP e Cruz Vermella A Coruña.