O proxecto Xiros dos Montes de Compostela achega oito etapas interactivas para coñecer a cidade dende os seus cumios

mércores, 15 de setembro do 2021 S. P.

As persoas participantes no Obradoiro de Emprego Creas III, impulsado dende o Concello de Santiago, traballaron ao longo deste ano 2021 nun proxecto de lecer tecnolóxico que nos convida a coñecer a capital de Galicia e a súa contorna dun xeito natural, alternativo, saudábel e enriquecedor. Esta iniciativa foi o froito da vertente do obradoiro máis envorcada coa actividade profesional. Trátase do proxecto Xiros dos Montes de Compostela, abeirado ao Parque Forestal de Santiago, que se materializou nunha web propia, e que inclúe unha gran ruta circular de oito etapas interactivas que se poden facer dunha tacada ou por separado e que permiten, en palabras do equipo de creadoras e creadores, “vistas privilexiadas dende o cumio dos montes composteláns” amais dun vieiro para adentrarnos “no pasado que aínda sobrevive nos arredores de Compostela e na natureza que a circunda”.
Xiros dos Montes Compostela é como dixemos unha iniciativa de lecer e tecnoloxías (con páxina web de seu e con rutas xeolocalizadas para seren desfrutadas e percorridas coa axuda dos dispositivos móbiles) que se presenta como unha primeira experiencia de 34 quilómetros de percorrido (a versión curta) polo dito concello para permitirnos descubrir Santiago como “nunca o viramos antes”. O Xiro Pequeno (o que está xa dispoñíbel) está composto por oito etapas:
- Monte Viso – Monte do Gozo. 4,6 quilómetros e 1h 20min de duración aproximada.
- Monte do Gozo – Monte de Deus. 6,7 quilómetros e 2h e 05min de duración.
- Monte de Deus – Monte Pedroso. 5,3 quilómetros e 1 h e 45min de duración.
- Monte Pedroso – Monte de Vidán. 3,5 quilómetros e unha hora de duración.
- Monte de Vidán – Monte de Conxo. 4,6 quilómetros e 1h 38min de duración.
- Monte de Conxo – Monte de Santas Mariñas. 3,6 quilómetros e 0h 55 min.
- Monte de Santas Mariñas – Monte Gaiás. 2,9 quilómetros e 0h 50 min.
- Monte Gaiás – Monte Viso. 2,5 quilómetros e 0h 50 min.
Creas III
O obradoiro de emprego Creas III é un programa de emprego e formación que constou dunha etapa formativa en alternancia con práctica profesional. Tivo unha duración de 9 meses dende o 15 de decembro de 2020 ata o 14 de setembro de 2021. Nel formáronse e traballaron 20 persoas desempregadas maiores de 18 anos. Contratouse finalmente unha directora, un mestre de repoboación forestal e tratamentos silvícolas, un mestre de confección e publicación de páxinas web, unha mestra de formación complementaria e 20 alumnos/as das dúas especialidades (10 de cada unha das dúas especialidades).
O alumnado da especialidade de Repoboacións forestais e tratamentos silvícolas foi o encargado dos traballos de acondicionamento e mellora das distintas etapas do roteiro compostelán: roza de matogueiras, plantación de árbores, eliminación de plantas exóticas invasoras, mellora de pavimentos, execución de puntos de drenaxe, instalación de mobiliario e sinais cada 50 mts. e cada 500 mts do percorrido.
O alumnado da especialidade de Confección e publicación de páxinas web encargouse de elaborar e manter o sitio web, no que se recolle toda a información dos Xiros dos Montes de Compostela. A páxina definitiva lanzarase ao longo desta primeira metade de setembro.
O proxecto presentouse o sábado, 5 de xuño deste ano, co gallo do día do Medio Ambiente.
Trátase da primeira das actuacións do proxecto Xiro dos Montes de Compostela, o Xiro Pequeno, de 34 quilómetros. En seguintes obradoiros levarase a cabo a segunda das actuacións, o Xiro Grande, outro percorrido polos montes da zona rural de Santiago, pero de máis de 50 quilómetros.

PUBLICIDADE