O proxecto audiovisual Gastronomía para non perderse, dispoñíbel en liña

luns, 22 de febreiro do 2021 S. P.

A Xunta puxo en marcha este mes de febreiro o proxecto audiovisual Gastronomía para non perderse, unha serie documental que ten como obxectivo “poñer en valor os produtos tradicionais da cociña galega”, a través de cinco entregas conducidas polo xefe de cociña André Arzúa. A serie céntrase en cinco manxares propios da cociña galega (congro seco, sardiña lañada, queixo de Arzúa, pan do país e androlla), protagonistas de cadansúa entrega. Os audiovisuais poden verse de balde a través do Portal da Lingua Galega, e, en datas vindeiras, incorporarase á plataforma da Rede de Bibliotecas Públicas GaliciaLe.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou o pasado 18 de febreiro esta iniciativa que forma parte do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, nun acto no que tamén participaron o impulsor e condutor do proxecto, André Arzúa, e o director da biblioteca Ánxel Casal, Jesús Torres.
Valentín García salientou “o importante valor que ten este traballo na recuperación e na visibilidade de prácticas gastronómicas tradicionais de Galicia e da consecuente recuperación dun vocabulario galego propio deste ámbito de especialidade que tanto enriquece a lingua”.
Así mesmo, agradeceu a colaboración de André Arzúa neste proxecto e o seu afán “por dar a coñecer a nosa cociña tanto en Galicia como no resto do mundo”.
Cociña, tradición, lingua e cultura como ingredientes
Segundo fixeron saber, en Gastronomía para non perderse únense cociña, tradición, lingua e cultura, a través de cinco documentais que foron gravados entre xullo e novembro do 2020 en distintas localidades da nosa xeografía.
Os capítulos, duns 25 minutos de duración, lévanos aos lugares onde son representativos cada un dos devanditos produtos, presentándonos a persoas locais que se encargan da súa elaboración. A serie indaga na historia destes alimentos e na súa influencia económica, patrimonial, gastronómica e mesmo lingüística, pois como amosa a serie, existe un rico vocabulario característico para cada un destes procesos de produción artesanais difícil de coñecer fóra do seu eido.
O audiovisual Gastronomía para non perderse forma parte dos recursos dixitais da modalidade Xacobeo, turismo, xeografía, paisaxe, gastronomía, usos e costumes sociais do Fondo Xacobeo 2021, un repositorio de contidos creativos de interese cultural en lingua galega creado polo departamento que dirixe Valentín García no marco do Plan de reactivación do sector cultural fronte aos efectos derivados da COVID-19.

PUBLICIDADE