O proxecto galego GOINg permitirá a xeolocalización e a rastrexabilidade de contedores a tempo completo

mércores, 20 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

O Campus de Vigo acolleu onte a presentación dos detalles dun proxecto para aplicar as tecnoloxías smart na xestión dos bens transportados, engadindo neste punto un extra de eficacia, sustentabilidade e xestión optimizada. Máis polo miúdo, trátase de pór en xogo un dispositivo de xeolocalización de contedores, con capacidade para facer un seguimento continúo do produto tanto en interiores como en exteriores. Estamos a falar do proxecto Conecta PEME GOINg, que salienta, tamén, por converter os colectores en puntos de información en tempo real sobre cuestións como humidade ou temperatura.
O proxecto GOINg (Desenvolvemento de novas ferramentas integradas IoT de Xeolocalización Outdoor/INdoor para loxística 4.0) enmárcase no Conecta PEME 2018 e está liderado pola empresa coruñesa Rotogal. Tamén participa o Grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas da Universidade de Vigo. GOINg conta cun financiamento de 700.000 euros, dos cales 367.000 corresponden a unha subvención da Axencia Galega de Innovación, GAIN.
A presentación dos detalles sobre o proxecto desenvolveuse onte na Cidade Tecnolóxica de Vigo e nela participaron representantes de todos os socios do consorcio: as empresas Itelsis SL e a spin-off da Universidade de Vigo Ingeniería Insitu, ademais do Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG) e o grupo de investigación de Xeotecnoloxías Aplicadas da UVigo.
A iniciativa, cuxo remate está previsto para setembro de 2020, insírese no ámbito da loxística industrial 4.0. A súa marxe de aplicación é ben ampla, abranguendo toda a vertente empresarial que ten que ver co transporte de mercancías.
“A idea,”, sinalou o profesor Pedro Arias, investigador principal do Grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas, “era facer un dispositivo que permitise en todo intre facer un seguimento e unha rastrexabilidade do contedor ou elemento en cuestión no que estea acoplado este dispositivo, tanto en ambientes interiores como exteriores”. Este desafío achegou outro reto importante: como facer que ese proceso de rastrexabilidade fose completo, tanto temporal como espacialmente. Segundo engade o investigador, “hoxe en día hai dispositivos capaces de facer ese seguimento en exteriores, baseados sobre todo no sistema GPS, e tamén en interiores, a través da localización por bluetooth ou por sistemas RFID de identificación por radiofrecuencia, pero carécese da tecnoloxía precisa para facer o seguimento completo”. Tendo en conta isto, o proxecto vén a encher o devandito baleiro poñendo en xogo unha tecnoloxía que non requira de infraestruturas asociadas nos almacéns.
Os socios empezaron a traballar neste traballo hai preto dun ano e xa desenvolveron un primeiro prototipo de dispositivo, feito de plástico e realizado nunha impresora 3D. Segundo informan os impulsores do proxecto, neste prototipo xa é posíbel albiscar os tamaños e o tipo de formato que debería ter. Dentro deste dispositivo situaríase unha pequena placa con todo o sistema de intelixencia do sistema, baterías, etc.

PUBLICIDADE