O proxecto galego eHeart, mellor iniciativa estatal en materia TIC-saúde

venres, 6 de novembro do 2015 Fernando Sarasketa

José Antonio Losas, director de tecnoloxía de Conexiona, recibe o premio de mans de Mª Ángeles Ferre, subdirectora xeral de Colaboración Público-Privada no Ministerio de Economía e Competitividade

O proxecto galego eHeart, do que falamos polo miúdo con motivo da súa presentación o pasado verán, vén de obter un importante recoñecemento ao seu compoñente innovador e avanzado e ao firme obxectivo dos seus desenvolvedores de tirar proveito das TIC para mellorar a calidade de vida da cidadanía, máis polo miúdo das persoas con doenzas cardiovasculares. A iniciativa eHeart, liderada pola firma Conexiona Telecom, con sede na Tecnópole de Ourense, vén de gañar o premio ao mellor proxecto español de innovación no ámbito das tecnoloxías de saúde e vida activa, concedido pola Asociación de Empresas de Electrónica, Tecnoloxías da Información, Telecomunicacións e Contidos Dixitais (AMETIC).
Como lembraremos, eHeart é un proxecto de colaboración público-privada co-financiado pola Xunta de Galicia no marco do programa Conecta-PEME. A devandita empresa de Parque Tecnolóxico de Galicia (Conexiona) encabeza o consorcio que lle dá impulso, unha alianza integrada polas firmas Optare, Quobis, Hacce e Tecsoftcom, co apoio tecnolóxico do centro tecnolóxico Gradiant e o soporte científico da Universidade de Vigo e da Fundación do Complexo Hospitalario da Coruña. O seu obxectivo é “pór freo a unha das principais causas de morte no mundo, as enfermidades cardiovasculares”.
En palabras dos responsábeis da Tecnópole, o galardón acabado de recibir (o Premio Innova eVIA 2015) recoñece “a capacidade da innovación galega para salvar vidas a través das TIC, que se impuxo a un amplo número de candidaturas procedentes de toda España”.
Dispositivo non invasivo
A tecnoloxía de eHeart diríxese a reducir a incidencia das doenzas cardiovasculares a través de recursos avanzados propios que permiten, entre outras cousas, detectar de maneira temperá e en tempo real a fibrilación auricular (o tipo de arritmia máis frecuente no corazón, causa de posíbeis riscos de ataque cerebral, infartos ou fallos cardíacos). A iniciativa baseouse na creación dunha ferramenta sobre un dispositivo non invasivo de medición da actividade cardíaca.
Ou sexa, que se trata dunha tecnoloxía que non altera os hábitos nin a rutina diaria do doente e que, ademais, posibilita o seguimento constante da actividade do seu corazón por parte dos especialistas a través dunha plataforma que emprega o estándar WebRTC. “A novidade de eHeart respecto doutros sistemas como os Holter ou os trebellos implantados”, sinalaba hai uns meses o centro tecnolóxico Gradiant, “é o uso de dispositivos miniaturizados, sen fíos e pouco intrusivos”. De feito, engaden fontes de Gradiant, eHeart é moi doado de usar, simple e cómodo para o paciente, “á vez que potente, rápido e versátil para o especialista”.
A tecnoloxía eHeart polo miúdo
Grazas ao emprego de dispositivos móbiles e “á súa capacidade de procesado”, eHeart fai posíbel detectar patróns de fibrilación en tempo real, acelerando o proceso de diagnóstico e, sobre todo, permitindo salvar vidas, actuando axiña ante os primeiros sinais de alarma. A tecnoloxía desenvolvida en eHeart, explicaron o pasado verán os responsábeis do seu desenvolvemento, fará que o paciente sexa controlado e seguido de forma continua e de maneira cómoda, “evitando as molestias dos dispositivos Holter, e sobre todo, esquivando os riscos dos dispositivos implantábeis no corpo do paciente, moito máis caros”. Ademais, posibilita seguir outro tipo de información salientábel, que é a actividade física e a frecuencia respiratoria. Segundo explicaban dende Gradiant, a tecnoloxía prepara o escenario axeitado para que usuario e médico manteñan sesións de teleconsulta aumentada, sen necesidade de trebellos extra “ou configuracións avanzadas e complexas” e mellorando de maneira significativa o manexo dos datos confidenciais e privados do paciente.

PUBLICIDADE