O proxecto multimedia Entrelinguas.gal gaña a cuarta bolsa Nacho Mirás

venres, 7 de xuño do 2019 Fernando Sarasketa

A canle Entrelinguas.gal, o proxecto destinado a botar luz sobre a diversidade cultural de Galicia, vén de impoñerse na cuarta edición da bolsa Nacho Mirás para novos titulados, organizada polo Colexio de Xornalistas de Galicia e patrocinada por Abanca, en colaboración coa Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. Entrelinguas.gal, unha serie de reportaxes multimedia sobre os múltiples matices particulares (lingüísticos, históricos, culturais) dos concellos de galegos, vén da man de Alejandro Vázquez Corral, Sara Barreiro Álvarez e Antonio Méndez Rodríguez.
Segundo destaca o Colexio de Xornalistas, os obxectivos do proxecto recoñecido pola bolsa Nacho Mirás son, mediante mostras audiovisuais, contar a historia da Galicia “esquecida” e, en boa medida, “illada” por causa do éxodo rural; amais de salientar as diferenzas lingüísticas da nosa terra. Con esta finalidade elixíronse 13 concellos de menos de 3.000 habitantes que exemplifican as diferentes áreas dialectais de Galicia: Entrimo, Negueira de Muñiz, Moeche, Corcubión, Laxe, A Mezquita, Oia, Cervantes, Fornelos de Montes, Portomarín, As Nogais, Riós e Baleira.
O proxecto foi presentado por tres estudantes do cuarto ano de xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela: Alejandro Vázquez Corral, Sara Barreiro Álvarez e Antonio Méndez Rodríguez.
A bolsa Nacho Mirás para novos titulados apoia proxectos xornalísticos de novos titulados en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual. Leva o nome do xornalista, colexiado do CPXG e profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Nacho Mirás, que salientou pola defensa da valía das novas e dos novos profesionais.
Proxectos dixitais galardoados
Punto e volta, un proxecto multimedia sobre música e baile tradicional coordinado por Alejandro Gándara Porteiro; Mediamapa.gal, un mapa interactivo dos medios galegos elaborado por María Cruz Negreira Rey; Feira, unha idea de Laura Santos Esmorís e Jorge Vázquez Herrero para realizar un documental web interactivo sobre o papel da feira na Galicia actual, e Pícaros.gal, un medio de comunicación dixital en galego para os nenos e nenas de entre 7 e 11 anos de Sabela Direito Rebollal, foron os proxectos galardoados coa bolsa Nacho Mirás nas anteriores convocatorias.
O xurado estivo formado formado por Ainhoa Apestegui, Francisco G. Sarria, Isaac González, Darío Janeiro, Xosé López, Xosé Manuel Pereiro, Xoán Soler e Fernando Varela.

PUBLICIDADE