O proxecto para a creación dun novo medio en galego busca apoios nas principais cidades
luns, 26 de setembro do 2011
- Presentación da plataforma na pasada edición do Festigal, en Compostela
Mentres uns medios históricos como A Nosa Terra se despiden,
primeiro dos quioscos e agora do formato dixital, semella que a comunidade de
persoas que queren seguir lendo prensa en galego non vai ficar cruzada de
brazos e xa está a preparar novas iniciativas que enchan do mellor xeito posíbel
estes baleiros. Baleiros que, por certo, non só foron deixados por A Nosa
Terra, senón tamén por Xornal, A Peneira, Vieiros ou Galicia Hoxe, entre outros.
Estamos a falar de Sermos Galiza, iniciativa de comunicación da que dimos conta
nesta web
hai uns meses con motivo da súa posta en marcha e que colle pulo agora con vindeiras
citas de presentación e busca de apoios.
Lembrar que Sermos Galiza diríxese á busca de recursos de todo
tipo para o lanzamento dun semanario en papel e dun diario dixital en galego e
teñan “a Galiza como centro de atención
informativa”. Logo da devandita presentación primeira celebrada en Santiago,
doutra
desenvolvida ao abeiro do Festigal, e dunha sesión recente desenvolvida na
Coruña, estanse a preparar xa as xeiras novas de Vigo (o 29 de setembro ás
20.00 horas na Casa Galega da Cultura, da man da Asociación Cultural O Castro)
e de Santiago (o 4 de outubro ás 20 horas no auditorio de Nova Caixa Galicia,
na praza de Cervantes, da man da Asociación Cultural O Galo).
Estratexia a seguir
Tal e como se nos informou o pasado mes de
xullo en Compostela, o obxectivo primeiro de Sermos Galiza, constituída por
persoas procedentes de distintos eidos profesionais (ensino, literatura,
avogacía, economía, universidades, empresas e entidades sociais), amais de
inclinar a balanza informativa cara unha situación máis favorábel para o
galego, é por en marcha un novo medio impreso e outro dixital, ámbolos dous na
nosa lingua.
Por certo que tanto unha como outra iniciativa substentaríanse sobre todo a
través de subscricións e dun accionariado amplo e plural. O grupo promotor
entende que, para o proxecto ser viábel, precisa do apoio dun mínimo de 3.000
subscritores e un capital social colectivo, evitando accionistas maioritarios.
A intención, ademais, é a de manter a proposta aberta, non limitándose ao
xornal dixital e ao semanario en papel, senón abranguendo a posibilidade de pór
en marcha outros proxectos, como por exemplo unha canle de radio dixital.
O proxecto, que tamén vai dirixido a crear participación e traballo en mancomún
arredor deste feito concreto e desta arela (o dereito a recibir comunicación en
galego, hoxe en día atacado dende moitas frontes), conta coa presenza activa
(entre outras/os moitas/os representantes da noso tecido produtivo e da nosa
cultura) da escritora e profesora da Universidade de Santiago Teresa Moure, o
profesor da Universidade da Coruña, Xosé Ramón Freixeiro Mato e a escritora e
profesora Marga Romero. Ao seu xuízo, estamos perante un proxecto urxente e
necesario, e máis tendo en conta que vivimos uns intres críticos para os medios
en galego.