O proxecto para a dixitalización do comercio do rural ourensán obtén a máxima puntuación para os Next Generation

venres, 7 de xaneiro do 2022 S. P.

O proxecto CROu para a dixitalización e sustentabilidade do comercio rural, deseñado pola Deputación de Ourense, vén de obter a máxima puntuación de toda España na convocatoria dos fondos Next Generation do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia xestionado polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio.
Trátase dun plan que involucra a 18 concellos da provincia e que aposta, en palabras do presidente Manuel Baltar, “pola actividade comercial en zonas de reto demográfico, facilitando o acceso a novos canais de comercialización e procurando un papel activo dos empresarios do sector na educación dixital dos seus clientes, que na meirande parte dos casos son persoas de avanzada idade”.
Baltar, cualificou de “excelente noticia” a avaliación do proxecto CROu nunha convocatoria á que se presentaron 312 proxectos de administracións locais e provinciais de toda España.
O proxecto CROu contará cun orzamento de preto de 260.000 euros co-financiados nun 70 % polos fondos europeos e comezará a executarse en febreiro, estendéndose ao longo deste ano. Aplicarase en concellos das comarcas de Celanova (A Bola, Cartelle, Celanova, Gomesende, A Merca, Padrenda, Pontedeva, Quintela de Leirado, Ramirás e Verea); Trives (Chandrexa de Queixa, Manzaneda, Pobra de Trives e San Xoán de Río); e Viana (A Gudiña, A Mezquita, Viana do Bolo e Vilariño de Conso). As máis de 400 actividades comerciais nestes 18 concellos (Datos do IGE de 2019) poderán beneficiarse dunha ou varias accións previstas no programa.
Como dixemos, CROu procura a transformación dixital do comercio rural, poñendo en práctica recursos para captar e manter clientes, ofertándolles unha canle dixital como elemento complementario mais “sen perder as vantaxes e oportunidades do comercio local, como o acceso ao produto de quilómetro 0 ou a proximidade e atención directa”.
Trátase dun proceso en boa medida orientado ao consumidor local, pero “que tamén permitirá a determinados perfís de comercio rural abrirse a novos mercados, expandirse e mesmo optimizar o seu stock”, explican fontes da Deputación, engadindo que “facilitará a colaboración entre comercios de diferentes concellos, demostrando ao cliente que mercar en local é posíbel, doado e adaptativo”.
Para contribuír aos obxectivos de transformación dixital e sustentabilidade local, o proxecto poñerá ao dispor dos comercios un soporte de venda online para ter os seus produtos aloxados nunha canle dixital común e permitir a compra en varias tendas e realizar un único pago.

PUBLICIDADE