O proxecto web Primavera das Letras premia a defensa do galego do CEIP Milladoiro de Malpica
mércores, 24 de setembro do 2025
A Real Academia Galega activou un certame co propósito de recoñecer persoas, proxectos ou iniciativas que, ben no ámbito escolar ben noutros espazos, destaquen polo seu traballo a prol da normalización lingüística entre a poboación infantil. O Premio Na lingua que eu falo recoñeceu o bo facer da comunidade educativa do Colexio de Educación Infantil e Primaria Milladoiro de Malpica de Bergantiños.
A resolución da 1ª edición deste concurso cadra esta semana coa celebración, o venres 26 de setembro, do Día Europeo das Linguas, ocasión que a institución aproveita para pedir unha vez máis un maior compromiso, desde a UE e desde Galicia, coa defensa do idioma propio.
“O Día Europeo das Linguas é unha celebración da diversidade que implica rexeitar o sentido negativo do mito bíblico de Babel e substituílo pola visión das linguas coma un don”, defende a coordinadora do Seminario de Sociolingüística da RAG, María López Sández, parafraseando o semiólogo Umberto Eco. “En Galicia, defender a diversidade lingüística significa vivir e expresarse na nosa lingua. É un acto de autoestima e de responsabilidade cultural, mais tamén un xesto de solidariedade co conxunto das linguas do mundo. Nós tamén temos unha voz propia neste Día Europeo das Linguas”, engade a académica de número na tribuna publicada na páxina web da RAG co gallo da conmemoración.
Pola súa banda, o presidente da RAG, o muradán Henrique Monteagudo, engade que “nestes momentos nos que se tramita a solicitude do recoñecemento oficial do galego e das demais linguas cooficiais do Estado español en Bruxelas, esta conmemoración é unha boa ocasión para reivindicarmos, unha vez máis, a plena oficialidade da nosa lingua en todas as institucións europeas, nomeadamente a Unión Europea e o Consello de Europa.”, apunta.
O Premio Na lingua que eu falo nace ao abeiro de Primavera das Letras, o proxecto web da Academia dirixido ao público infantil, que desenvolve desde 2016 co apoio da Deputación da Coruña. Toma o seu nome dun verso da obra fundacional das letras galegas contemporáneas, os Cantares gallegos de Rosalía de Castro, que resalta a importancia que ten en concreto, dentro dese vivir e expresarse na nosa lingua, a práctica oral do galego entre as novas xeracións, protagonistas do futuro deste don colectivo.
A concesión do I Premio Na lingua que eu falo ao CEIP Milladoiro de Malpica de Bergantiños é, nesta liña, “un galardón, en primeiro lugar, ao bo facer do profesorado”, salienta o presidente da Academia, Henrique Monteagudo, no anuncio remitido ao centro. “E tamén é un premio ao conxunto da súa comunidade educativa, rapaces e rapazas, nais, pais, avós e avoas e persoal dos servizos complementarios da escola”, prosegue.
“Con este premio queremos proxectar a lingua cara ao futuro, reforzando os seus piares entre a xente miúda e recoñecendo, nesta primeira edición, o exemplo intelixente do CEIP Milladoiro, onde o galego se aprende, se usa e se ama, sen prexuízos nin complexos”, abunda a académica de número Fina Casalderrey, responsable do proxecto Primavera das Letras que lle dá acubillo. “Os nenos e nenas de Malpica demostran en todo o que fan que o galego é útil, unha ferramenta creativa para hoxe e para o futuro”, valora.
Fina Casalderrey, mestra xubilada, valorou especialmente as actividades que o CEIP Milladoiro desenvolve desde hai anos coa competencia oral en galego na cerna. É o caso, entre outras, daquelas enmarcadas na programación da radio escolar, Radio Balea; o DichoLeo, un proxecto centrado na alfabetización audiovisual na que o alumnado grava pequenas pezas coas que traballa nas interferencias lingüísticas e amplían e melloran o vocabulario galego; o Galicómic, unha proposta na que cada aula crea a súa propia banda deseñada; ou libros de produción propia como o Dicionario mariñeiro ou o Dicionario malpicán, nos que tamén se lle dá o protagonismo á rapazada da man das súas familias. Fina Casalderrey aplaude asemade outras propostas como E ti, de quen vés sendo?, na que todo o alumnado participou na confección dun xogo de mesa con preguntas arredor de Malpica de Bergantiños, no marco do proxecto documental integrado Patrimonio In-Material!
Primavera das Letras, unha ponte entre a RAG e as escolas
Co Premio Na lingua que eu falo a Real Academia Galega dá un paso máis no desenvolvemento do proxecto Primavera das Letras, que naceu como unha ponte entra a institución e as escolas para fornecelas de recursos lúdicos e didácticos arredor da celebración do Día das Letras Galegas e a lingua do país, lembra Fina Casalderrey. Nos últimos anos este marco ofreceu na Rede actividades interactivas e contos sobre as figuras protagonistas do 17 de maio asinados Ledicia Costas, Eva Mejuto, Ana María Fernández, Xoán Babarro e Paula Carballeira, con Blanca Millán, Lucía Cobo, Óscar Villán e Nuria Díaz na parte ilustrada. Primavera das Letras é ademais o proxecto que fixo posible a primeira curtametraxe de ficción da RAG, A orixe da nosa lingua guapa, unha idea orixinal de Casalderrey, unha das voces máis destacadas da literatura infantil e xuvenil contemporánea.
