O pulo innovador dos empregados públicos terá recoñecemento

martes, 19 de febreiro do 2019 Redacción

O compromiso do funcionariado co renovación tecnolóxica dos servizos públicos vai ter recoñecemento. Así o fixo saber estes días a Consellería de Economía, que puxo en marcha o primeiro Premio aos empregados públicos innovadores, co obxectivo de recoñecer “o compromiso das persoas que fan posíbel unha Administración pública máis eficiente, moderna e innovadora”. Ademais, teranse en conta os esforzos das traballadoras e traballadores por acadar as máis amplas equidade e cobertura para os servizos emprestados.
A iniciativa, impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), é unha das actuacións específicas recollidas no Programa integral de impulso da Compra Pública de Innovación (Programa Innpulsa CPI). O premio ten a súa orixe nunha constatación: son as propias persoas, neste caso as traballadoras e traballadores da Administración, as que teñen demostrado máis capacidade para transformar a contorna de traballo na que se desenvolven. Polo tanto, o galardón xorde “co obxectivo de motivar, sensibilizar e incentivar aos empregados públicos que participan de forma activa nos diferentes procesos da innovación”.
Segundo informa GAIN, poden postularse a estes recoñecementos todos os empregados públicos da Xunta de Galicia e os seus entes instrumentais, tanto de xeito individual como en grupos de dúas a cinco persoas. Segundo a convocatoria, establécense dúas categorías. Na categoría de identificación de oportunidades, onde se deberá detallar unha problemática e as vantaxes de resolvela, a gañadora ou gañador conseguirá un asesoramento personalizado no que se identificarán fontes de financiamento a nivel europeo e nacional, e elaborarase o material preciso para a solicitude de financiamento.
Por outra banda, na categoría de proxectos innovadores, na que se recoñecen iniciativas xa realizadas ou en curso, existen dúas subcategorías: a temática máis innovadora e a mellor actitude innovadora. Para ambos os dous aspectos recoñecidos, poderán optar a gañar unha visita a un laboratorio de innovación internacional. Tamén poderán participar nun curso personalizado en innovación.

PUBLICIDADE