O quiosco de Arcebispo Lago de Vilagarcía retoma a actividade como Centro de Accesibilidade Dixital

venres, 2 de maio do 2025 S. P.

O quiosco de Arcebispo Lago retoma hoxe a súa actividade como Centro de Accesibilidade Dixital. A xunta local de Goberno do pasado luns aprobou a adxudicación en favor da empresa Asesoramiento y Desarrollo de Soluciones Empresariales, que será a encargada de prestar o servizo.
O Concello lembra que foi a propia firma quen propuxo ampliar o horario de atención ao público, que agora será de luns a venres de 09:30 á 13:00 horas. A cidadanía pode dirixirse a ela na procura de asesoramento e acompañamento para aprender a facer todo tipo de trámites por internet.
Segundo lembran fontes municipais, esta iniciativa foi posta en marcha no 2021 pola Concellería de Promoción Económica que actualmente dirixe Álvaro Carou e dende o seu inicio “tivo unha moi boa acollida entre os veciños”. Segundo os últimos datos do 2024, en só once meses de servizo axudaron a preto de 4.000 usuarios. En concreto, o trámite máis realizado foi pedir cita previa no INSS (1.108).
O contrato anterior finalizou o pasado mes de decembro, e axiña o Concello puxo en marcha a licitación. O proceso resolveuse en favor da mesma empresa que operaba no 2024, cun contrato por valor de 23.885 euros, que saen de fondos propios. O servizo ten posibilidade de prórroga ata 2028.
A oficina estará atendida por unha persoa que se encargará de axudar aos usuarios a facer os trámites online, ofrecerlles información, asesoramento e resolver as dúbidas sobre como realizalos dende as súas casas e dispositivos de forma autónoma. Poden ser asuntos referentes as súas relacións coas administracións públicas (presentación no Rexistro oficial dunha solicitude, adhesión ao plan de pagos municipal, obtención da clave electrónica, pedir cita co médico, inscrición nun campamento...) ou do ámbito privado e de ocio (adquirir unha entrada para o cine, reservar praza para os concertos das festas...).