O recoñecemento facial en móbiles podería popularizarse en 2018

luns, 18 de setembro do 2017 Marcus Fernández

Unha das novidades máis polémicas do iPhone X é a supresión do Touch ID para substituílo polo Face ID, ou sexa, que ao integrar recoñecemento facial desbótase o recoñecemento de pegada dixital, o que levantou moitas dúbidas sobre a seguridade e comodidade de tal medida, pero parece que o seu impacto no sector vai ser moito máis fondo do que poderiamos pensar, e que en poucos meses comezaremos a ver numerosos smartphones que fagan o mesmo.
Deste xeito, ao igual que o recoñecemento de pegadas dixitais non se fixo popular até a súa incorporación por parte de Apple (pese a que había móbiles que tiñan tal funcionalidade antes do lanzamento do primeiro iPhone), o recoñecemento facial baseado en medidas volumétricas do rostro vai camiño de converterse nalgo normal en móbiles (de feito, xa o é en ordenadores portátiles modernos, pois un dos sistemas de identificación de Windows Hello funciona de tal xeito) xa que Qualcomm Technologies está a traballar con Himax Technologies para acelerar o deenvolvemento e a comercialización dun sistema de cámara de alta resolución e baixo consumo capaz de recoller a profundidade en 3D para que, mediante visión artificial poder empregar estes datos como identificación biométrica, así como para outros usos como reconstrucións 3D ou percepción de escenas, o que tamén podería ter aplicacións en sistemas de vixilancia, no mundo do motor ou incluso para conseguir unha realidade aumentada precisa.
A combinación da tecnoloxía Qualcomm Spectra cos sistemas ópticos de Himax conseguirían facer realidade unha solución 3D SLiM (módulo de luz estruturada) que permitise captar a profundidade en tempo real, tanto en interiores como en exteriores, sen ter un grande impacto na autonomía dos smartphones, confiando en que esta tecnoloxía chegue ao mercado no primeiro trimestre de 2018.
Non sería de sorprender que o vindeiro smartphone insignia de Xiaomi fose o que estrease esta tecnoloxía, pero en vista de que estamos ante unha solución desenvolvida por Qualcomm, practicamente estaría aberta a todos os fabricantes (a través, posiblemente, do futuro procesador Snapdragon 845), de xeito que o recoñecemento facial en móbiles podería converterse na tendencia de 2018 de conseguir gañarse o favor do público (que este momento desconfía do feito de que a súa cara poida estar a ser recoñecida constantemente por dispositivos electrónicos).

PUBLICIDADE