O reloxo Amazfit GTS destaca pola súa semellanza co Apple Watch

mércores, 28 de agosto do 2019 Marcus Fernández

O mercado dos smartwatches ten como claro referente global o Apple Watch, que é o reloxo conectado de alta gama con maiores vendas, pero os produtos económicos como as Mi Band de Xiaomi e os reloxos Amazfit conseguen satisfacer a moitos usuarios, e agora vai ser máis complicado saber se unha persoa optou por Apple ou un produto chinés, xa que o reloxo Amazfit GTS copiou sen ningún pudor a estética do Apple Watch, sendo realmente difícil distinguir ambos dispositivos a simple vista, xa que incluso a súa interface gráfica do novo reloxo está claramente inspirada na de Apple, ou sexa, que non só copia o seu deseño, senón tamén o seu software.
Aínda que o Amazfit GTS non é un produto tan económico como o Amazfit Bip ou unha Mi Band, venderase en China por 899 iuans (113 euros) cando un Apple Watch Series 4 parte dun prezo de 429 euros, polo que o produto chinés resulta moi atractivo, especialmente porque é compatible con Android e iOS.
O Amazfit GTS, pese ao seu axustado prezo, é un produto moi completo, cunha pantalla AMOLED de 1,65 polgadas e unha resolución de 341 puntos por polgada, unha caixa de metal de distintas cores, resistente á auga (até 50 metros), con NFC, Bluetooth 5.0, monitor cardíaco, cunha batería de 220 mAh que promete unha autonomía de até 14 días de uso normal (ou 25 horas empregando o GPS), dirección de até 12 tipos de actividade física (incluíndo a natación) para o seu rexistro.
Non estamos ante un produto que teña detrás o traballo de I+D dun smartwatch como os de Apple ou Samsung, pero as súas funcionalidades son dabondo para boa parte do público, que previsiblemente recibirá ben o feito de que sexa difícil distinguir que non están a empregar un dispositivo de alta gama.

JPEG - 76.4 KB
O Amazfit GTS conta con correas de distintas cores
JPEG - 77.3 KB
Pese ao seu prezo axustado, o Amazfit GTS ten unha aparencia de smartwatch de alta gama

Vídeo no que podemos ver en acción ao Amazfit GTS

PUBLICIDADE