O reloxo de Swatch con NFC amplía o número de países nos que está dispoñible

luns, 30 de novembro do 2015 Marcus Fernández

En outubro o grupo suízo Swatch anunciou o lanzamento chinés do seu reloxo Swatch Bellamy, e agora confirma que veñen de pechar un acordo con Visa de xeito que este novo dispositivo vai comezar a comercializarse en EE.UU., Suíza e Brasil, espallando así a súa solución que permite empregar o reloxo de pulso como método de pagamento en TPV que conten con tecnoloxía NFC. Swatch confía en que o Swatch Bellamy chegue ás tendas dos tres países indicados a primeiros de 2016 e que poida servir como método de pagamento a nivel mundial alí onde haxa terminais de pagamento compatibles cos sistemas de pagamento sen contacto de Visa. Teríamos así unha alternativa de baixo custo ao Apple Watch como sistema de pagamento, xa que neste caso o NFC non precisaría dun smartphone para operar, senón que valeríase unicamente do reloxo (pensando principalmente na súa comodidade, xa que o reloxo de pulso é un complemente que se leva sempre enriba e pode achegarse a un TPV con moita maior axilidade do que suporía, por exemplo, sacar unha tarxeta contactless da nosa carteira.

PUBLICIDADE