O remake de Leisure Suit Larry acada financiamento a través de Kickstarter

xoves, 26 de abril do 2012 Marcus Fernández

O crowdfunding parece estar a cobrar moita forza nos últimos meses, e como bo exemplo temos o proxecto que formulou o estudo Replay Games en Kickstarter, buscando xuntar 500.000 dólares para poder financiar o desenvolvemento dun remake do clásico Leisure Suit Larry in the Land of the Lounge Lizards (para celebrar o seu 25º aniversario), que non chegaría só para PC, senón tamén para móbiles e tablets, cunha moderna interface de uso válida para pantallas táctiles, uns gráficos de alta resolución e incluso unha dobraxe completa dos seus personaxes.
As boas nova é que a poucos días de rematar o prazo proposto conseguiron superar a cantidade de cartos precisa para desenvolver o xogo, pero a cousa non cesa aí, senón que no caso de conseguir unha importante achega adicional podería empregarse para localizar o xogo a múltiples idiomas (entre os que figuraría o español), adaptar o xogo a máis plataformas de xogos (Xbox LIVE Arcade, PlayStation Network e Linux) e gravar unha versión orquestral da banda sonora do xogo.
De ter éxito este novo xogo non desbotan continuar a adaptar o resto da saga de Larry Laffer.