O router Huawei E960 achega por Wi-Fi as conexións HSDPA

xoves, 15 de maio do 2008 Marcus Fernández

As operadoras de telefonía móbil levan anos achegando modems 3G pensando en achegar o acceso á Rede a ordenadores portátiles, pensando principalmente nos seus clientes profesionais, pero co incremento de velocidades e descenso de prezos as tecnoloxías UMTS/HSDPA resultan atractivas para conectarse á Internet en lugares onde non hai ADSL.
Ante este éxito, existe agora unha nova solución de Huawei (o principal fabricante de modems USB 3G), o E960, que en vez de ser un módem básico, se trata dun completo router Wi-Fi, que permite compartir unha conexións HSDPA de ata 7,2 Mbps entre ata 32 usuarios conectados por Wi-Fi ou polos seus 4 portos de rede Ethernet, podendo alimentarse tanto da rede eléctrica coma dun porto USB dun ordenador. O Huawei E960 mide 155 x 115 x 28 mm., pesa menos de 500 gramos e pode colocar en 3 posicións (deitado no escritorio, inclinado ou colgado da parede).
Pero o mais abraiante deste dispositivo é que Vodafone podería comezar a comercializalo para usuarios particulares a 59 euros coas tarifas Navega Mini e Navega y habla Casa, ou 39 euros con Navega Plus e Navega y habla (cun compromiso de permanencia de 18 meses en ambos casos).
Esta solución resultaría moi atractiva para lugares sen cobertura de ADSL ou para fogares de fin de semana, de xeito que poderían conectarse á Internet sen precisar de instalacións. Actualmente xa hai routers 3G no mercado, pero normalmente teñen un prezo moi elevado, polo que incluso moitos usuarios avanzados optan pola adquisición de routers con soporte de USB para conectarlle modems USB 3G, o que deixaría de resultar práctico grazas ao Huawei E960.

PUBLICIDADE