O rural da Coruña contará con tres unidades móbiles de expedición do DNI

mércores, 2 de abril do 2025 S. P.

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, salientou o compromiso do Goberno cos servizos públicos básicos no rural de Galicia, onde despregará unidades móbiles da Policía Nacional para a expedición e renovación de DNI e pasaportes. María Rivas presentou este mércores 2 de abril na Coruña estas unidades, denominadas Vehículos Integrais de Documentación da Policía Nacional (VIDOC), na Coruña, acompañada polo comisario provincial. Carlos Gómez.
A subdelegada detallou que a Policía destina á provincia tres dos seis vehículos asignados a Galicia, os cales percorrerán 27 concellos coruñeses que carecen de comisaría, ademais do Centro Penitenciario de Teixeiro, para prestar servizos de documentación exclusivos delas, como a renovación e expedición dos DNI e dos pasaportes.
“Agora, grazas ás novas unidades VIDOC, as persoas que pidan cita neste servizo poderán ter listo calquera dos dous documentos en apenas dez minutos, mellorando tamén os tempos de resposta das anteriores unidades, que precisaban de tres días para a xestión: un día para a pegada dactilar, outro para a impresión nunha comisaría e un terceiro para a entrega”, sinalou, salientando a incorporación a xeito de novidade da expedición do pasaporte, un servizo que ata o momento non podía ser realizado fóra das dependencias policiais.
Estes novos vehículos, que forman parte do Plan de Identidade Dixital da Dirección Xeral da Policía Nacional financiado con cargo aos fondos do Plan de Recuperación, “permitirán incrementar a frecuencia dos desprazamentos aos concellos así como mellorar os servizos que se prestan á veciñanza”, apuntou Rivas, que lembrou que os VIDOC tamén terán capacidade para actualizar os certificados dixitais do DNI, xa que contan cun Punto de Actualización de Documentación (PAD), que complementan aos oito que se están a instalar en diferentes concellos da provincia, o primeiro deles en Ordes.
“Desde xeito, un trámite tan sinxelo como a renovación do certificado electrónico do DNI ou o cambio ou actualización do contrasinal, poderá facerse tanto nestes concellos que xa dispoñen dun PAD como nestes vehículos, no canto de ter que desprazarse a unha das catro comisarías que temos nesta provincia”, explicou a subdelegada.
María Rivas lembrou que o Consello de Ministros vén de aprobar un real decreto que regula o proceso de expedición, xestión e desenvolvemento do DNI non só na súa versión física senón tamén por vez primeira na súa versión dixital.
Deste xeito adáptase o uso do DNI aos novos retos dixitais e ofrece á cidadanía a posibilidade de dispoñer do Documento Nacional de Identidade en formato dixital no teléfono móbil. “A súa posta en marcha vai transformar o xeito de acreditar a identidade da cidadanía nas súas relacións coa Administración Pública e co sector privado, que agora poderá realizarse a través dunha aplicación instalada no teléfono móbil coa mesma validez xurídica que o DNI físico e coas máximas garantías de seguridade”, salientou Rivas, que apuntou que “España é un dos primeiros países europeos que aborda este reto”.
O acceso farase por medio da aplicación MiDNI e nunha primeira fase só permitirá a identificación de maneira presencial coa mesma validez que o DNI. “Servirá para acreditar a identidade en trámites presenciais ante a Administración, abrir unha conta bancaria, rexistrarse nun hotel, alugar un vehículo ou recoller un paquete en Correos”, exemplificou a subdelegada.